[04-01-2013] A sala de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este venres o obradoiro Cantámosche os Reis, que se enmarca dentro da programación de Nadal do Concello de Ames. Esta actividade, que estivo dirixida a todos os públicos, é unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obradoiro contou coa presenza do alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Os nenos/as e as súas familias puideron gozar dun obradoiro no que os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk cantaron varias cancións de forma conxunta con todos os asistentes. Pablo Díaz e Olga Kirk son especialistas en tradición oral galega xa que levan máis de 20 anos recompilando coplas, cantos e regueifas.
Nesta actividade interpretáronse cancións en galego propias das festas de Nadal. A través desta actividade trátase de recuperar a tradición de interpretar cancións que antigamente se cantaban polas vilas galegas nas festa de Nadal, Aninovo e o día de Reis. Esta iniciativa xa percorreu outras vilas galegas como Pereiro de Aguiar, Cerdedo, Cerceda, Moaña, Palas de Rei ou Campo Lameiro.
O obradoiro Cantámosche os Reis forma parte da completa programación deseñada polo Concello de Ames para o Nadal 2012, na que se programaron preto de 40 actividades pensadas para todos os públicos.
Este obradoiro é a segunda das iniciativas de Nadal en Rede, o programa que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia aprobou no marco da programación de actividades de difusión do galego para o ano 2012.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Arredor de 50 persoas asistiron ao obradoiro Cantámosche os Reis"
El Correo Gallego: "Política Lingüística recupera la lírica de Navidad para Ames"




