[20-06-2012] O alumnado de primeiro e segundo de Educación Primaria do CEIP de Barouta participou este martes, 19 de xuño, nunha andaina ambiental polas beiras do río Tambre e polo lugar de Oca. Unha vez remata esta actividade desprazáronse ata a Aula da Natureza para realizar un obradoiro de sales medicinais. Esta actividade enmárcase dentro da programación municipal do mes de xuño para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o pasado 5 de xuño. Ademais de camiñar os rapaces e rapazas visitaron os petroglifos que hai nesta zona.
Este martes pasado un grupo de 50 alumnos e alumnas de primeiro e segundo de Educación Primaria do CEIP de Barouta cambiaron as súas aulas pola ruta ambiental do río Tambre. O alumnado participou nunha andaina polas beiras deste río e polo lugar de Oca. Esta andaina tivo unha dificultade baixa. Os nenos/as e os profesores/as camiñaron arredor de dúas horas. Ademais de camiñar os rapaces e rapazas visitaron os petroglifos que hai nesta zona. Ao mesmo tempo que ían camiñando os nenos foron coñecendo as diferentes plantas medicinais e aromáticas (hipérico, menta, loureiro, etc.) que se poden atopar nesta ruta.
Ao rematar esta actividade o alumando desprazouse ata a Aula da Natureza para participar nun obradoiro de sales medicinais. Os nenos/as mesturaron sal, esencia de limón, colorante alimentario e bicarbonato. A través deste obradoiro os rapaces puideron coñecer a utilidade das plantas medicinais e aromáticas. Esta actividade enmárcase dentro da programación municipal do mes de xuño para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o pasado 5 de xuño.
Festa da Natureza
Este programa de actividades péchase coa celebración da Festa da Natureza, que se desenvolverá o domingo 1 de xullo na Praia fluvial de Tapia. Esta previsto que se realice unha andaina ambiental polas beiras do río Tambre, unha inspección da fauna e flora do río Tambre a través do Proxecto Ríos que desenvolve ADEGA, unha solta de crías de troitas autóctonas e obradoiros ambientais. Ademais, o venres 29 de xuño desenvolverase a Noite de estrelas na Aula da Natureza na que se farán observacións astronómicas co Club Vega de Astronomía.
Para ampliar calquera outra información sobre estas actividades poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org ou chamando ao número de teléfono 660 004 665.





