Pestanas principais

Arredor de 4.000 persoas gozan xa do seu carné das piscinas descubertas municipais

Luns, 18 de xullo de 2022

As piscinas descubertas municipais do Milladoiro e de Bertamiráns contan xa aproximadamente cunhas 4.000 persoas usuarias. No que vai de verán, a Concellaría de Deportes tramitou unhas 1.200 solicitudes de carné. O prezo dos carnés vai dos 5 aos 20 euros, dependendo da súa duración, da idade ou das persoas que inclúa. O prazo para solicitalos estará aberto ata o 12 de agosto, mentres que as piscinas continuarán abertas ata o 15 de setembro, en horario de 11:00 a 21:00 horas.

As piscinas ao aire libre dos dous núcleos urbanos de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, para as que cómpre contar con abono, e da área recreativa de Tapia, de acceso libre, están a gozar dunha ampla demanda da veciñanza amesá nun mes de xullo marcado polas altas temperaturas. As instalacións, abertas dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, abren ao longo do día de 11:00 a 21:00 horas, e acollen outras actividades, como os cursos de natación ou sesións de aquagym e ioga.

Neste senso, a Concellaría de Deportes alcanza xa a mediados de xullo a cifra de 1.200 carnés emitidos, necesarios para poder gozar das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns, que non emiten entradas únicas. Estes rexistros fan un número estimado de 4.000 persoas usuarias.

No que respecta aos cursos de natación, impartidos no Milladoiro e en Bertamiráns, hai 56 crianzas anotadas. No Milladoiro a cifra ascende aos 38 rapaces e rapazas (13 no grupo de 3-5 anos; 8 no grupo de 6-7 anos; 8 no grupo de 8-9 anos; e 9 no grupo de máis de 10 anos), mentres que en Bertamiráns hai 18 nenos e nenas inscritas (3 no grupo de 3-5 anos; 4 no grupo de 6-7 anos; 3 no grupo de 8-9 anos; e 8 no grupo de máis de 10 anos).

Ademais, as actividades de dinamización deportiva postas en marcha neste mes, unhas sesións de ioga e aquagym de balde, están a gozar dunha boa acollida. As clases de ioga, que se desenvolven ás 10:00 horas, contan con 30 persoas inscritas, unhas 16 no Milladoiro e 14 en Bertamiráns. No caso das sesións de aquagym, teñen lugar ás 16:00 horas e non requiren de inscrición previa.

Tamén se están a desenvolver os cursos de iniciación ao piragüismo na praia fluvial de Tapia, nos que colaboran a Concellaría de Deportes e o club Ribeiras do Tambre. Nos cursos de xullo están participando uns 20 nenos e nenas de 7 a 16 anos, que aprenden todo o necesario para gañar autonomía no uso da piragua e adquirir as destrezas e habilidades básicas para practicar o piragüismo.

Para o mes de agosto aínda hai prazas dispoñibles, polo que todos os nenos e nenas que queiran participar nesta actividade aínda se poden inscribir. As clases impártense os luns, mércores e venres, en horario de mañá, a partir das 10.30 horas. Para participar é imprescindible saber nadar. Para solicitar máis información e para formalizar a inscrición nesta actividade hai que enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal.

Oferta e prezos dos abonos para as piscinas descubertas municipais

O prazo para poder solicitar estes abonos remata o venres 12 de agosto, con diferentes opcións e prezos. O carné familiar de tempada (no que se inclúen pais e fillos menores de 18 anos, e engadirá aos fillos menores de 25 anos cando estes non dispoñan de ingresos propios) custa 20 euros; o individual para toda a tempada, uns 14 euros, e o abono de tempada para menores de 18 anos, uns 7 euros.

Tamén hai abonos mensuais, de 7 euros para maiores de idade e de 5 euros para menores de 18 anos. Os menores de 4 anos están exentos de pago. O terceiro irmán/a en abono, menor de 18 anos, terá unha redución do 50%. Ademais existen exencións de taxas nos abonos, sempre e cando se conte con informe de Servizos Sociais.

Solicitude dos abonos

Para solicitar a tarxeta de persoa usuaria é preciso presentar a solicitude cuberta, unha foto actualizada escaneada (tamaño carné) por cada nova alta, ou ben o carné do ano anterior escaneado se fose o caso, e a folla de autoliquidación selada pola entidade bancaria.

A folla de autoliquidación pode solicitarse nas oficinas de recadación (en Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6; ou no Milladoiro, na rúa Viorneira, número 6) ou no correo electrónico ames@canaltributos.com. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 88 48 96. As persoas solicitantes tamén poderán tramitar directamente a súa autoliquidación na Oficina Virtual Tributaria.

Dende o Concello solicítase que, na medida do posible, se descargue a documentación dende a páxina web e que se solicite a folla de autoliquidación por correo electrónico para despois facer o correspondente pago. Unha vez recibida toda a documentación, enviaranse nun prazo de 5 días, o carné actualizado nun documento PDF.

As persoas interesadas poden solicitar máis información chamando ao número de teléfono 981 535 940 (oficina de Deportes do Milladoiro) ou no número de teléfono, 619 842 504 (na oficina de Deportes de Bertamiráns), en horario de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Unhas catro mil persoas teñen xa o carné das piscinas descubertas"

Imaxe da piscina descuberta do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da piscina descuberta de Bertamiráns
  • Imaxe da piscina descuberta de Bertamiráns