Pestanas principais

Arredor de 40 persoas participarán no VI Campionato de Canto de Canarios Val da Maía que se celebra mañá en Milladoiro

Venres, 25 de xaneiro de 2013

[25-01-2013] A Asociación Galega Deportiva e Cultural do Canario de Canto, en colaboración co Concello de Ames e a clínica veterinaria Amigos, organizaron para este sábado 26 de xaneiro o VI Campionato de Canto de Canarios Val da Maía. Dende a organización calculan que poderían participar arredor de 40 persoas cos seus respectivos canarios. Os paxaros que compiten son de tres razas diferentes (roller, malinois e timbrado español). A entrada será gratuíta e está aberta a todos os públicos. Este é o único campionato de canto de canario de España no que participan estas tres razas de paxaros. Agárdase que acudan participantes de toda a xeografía galega e da zona norte de España.

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este sábado, 26 de xaneiro, a sexta edición do campionato de canarios de canto Val da Maía, que está organizado pola Asociación Galega Deportiva e Cultural do Canario de Canto, en colaboración co Concello de Ames e a clínica veterinaria Amigos. Este é o único campionato de canto de canario que se realiza en toda España no que participan paxaros das razas roller, malinois e timbrado español. Dende a organización agardan arredor de 40 participantes tanto de Galicia coma da zona norte de España.

O campionato comezará ás 9:00 horas e desenvolverase ao longo de todo o día na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada será gratuíta e está aberta a todos os públicos. Dende a organización rógase que o público garde silencio no momento no que os xuíces escoitan aos canarios cantar para outorgarlle unha puntuación. Para iso os xuíces teñen en conta aspectos como o seu repertorio, as notas e a musicalidade.

Os paxaros que compiten son de tres razas diferentes (roller, malinois e timbrado español). A mecánica do concurso é a seguinte: os paxaros cantan durante varios minutos ante o xuíz que vai puntuando segundo o código de canto reflectido na plantilla de enxuizamento, algo así como un resumo dos xiros e notas que compoñen o estándar da raza. Os canarios compiten en modalidade individual e por equipos. Cada grupo de paxaros que participe na modalidade de equipos estará composta por catro canarios que teñen que seguir unha liña de canto semellante e facelo de forma harmónica.

Os tres primeiros clasificados de cada modalidade (individual e por equipos) serán premiados. Ademais, o mellor paxaro do campionato de cada raza (roller, malinois e timbrado español) tamén recibirá un premio. As inscricións para participar neste campionato poderán realizarse ata momentos antes de comezar o campionato. Polo tanto, as vías de inscrición que existen son de forma presencial antes do comezo do campionato; enviando un correo electrónico ao enderezo avesmahia@gmail.com; chamando ao número de teléfono 609382087; ou enviando un fax ao número 981571706.