Pestanas principais

Arredor de 40 nenos/as participan no obradoiro Galego de Cine

Xoves, 03 de maio de 2012

[03-05-2012] A caravana do programa FalaRedes pasou esta semana por Ames para realizar o obradoiro Galego de Cine. Esta actividade desenvolveuse o mércores 2 no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro e o xoves 3 na Praza de Chavián de Bertamiráns. O obradoiro Galego de Cine estivo dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos. Os nenos/as que participaron na actividade puideron ver diversas curtametraxes producidas en Galicia. Ademais, de desenvolver actividades de comprensión de filmes, elaboraron un conto orixinal e convertérono nunha curta mediante a técnica de vídeo-matón. O resultado destes traballos pode verse na canle de Youtube Galego de Cine.

Arredor de 40 nenos e nenas participaron no obradoiro Galego de Cine, que se enmarca dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este obradoiro posto en marcha a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames ten como obxectivo promover o achegamento dos rapaces e rapazas amienses ao cinema galego e en galego ao tempo que se incentiva o uso da lingua. A actividade desenvolveuse o mércores 2 de maio no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro e o xoves 3 na Praza de Chavián de Bertamiráns.

Os participantes subiron nunha caravana reconvertida en cine itinerante para ver diversas curtas en lingua galega. Os rapaces e rapazas foron vendo os filmes e poñéndolle nota a cada un deles dependendo de se lles gustou moito ou pouco. Deste xeito puideron ver curtas de medo, de amor.... Tras o visionado, os e as participantes convertéronse en estrelas da gran pantalla mediante a composición dunha historia nun vídeo-matón, que está accesible a través da Internet. O resultado deste traballo pode verse na canle de Youtube Galego de Cine.

Concurso sobre os mellores contos en galego

A caravana de galego de cine está a percorrer as localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística proxectando curtas de animación en galego para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Cando finalice a viaxe polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade. Cadaquén poderá votar polo seu favorito e os gañadores recibirán o libro-DVD O soldadiño de Chumbo.

Este obradoiro enmárcase dentro de FalaRedes, o novo programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística. FalaRedes levarase adiante en máis de 90 entidades locais e constará de tres actividades diferentes que se desenvolverán en 250 sesións. Estas actividades son Galego de Cine, Titerehop e O señor das dunas.

FalaRedes responde a obxectivos emanados do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como son crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos; reforzar o uso do galego entre os máis novos e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas.

Toda a información sobre o programa, así como o calendario de actividades estará accesible na web da a Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.