Pestanas principais

Arredor de 40 nenos e nenas participaron no obradoiro de paz da biblioteca municipal

Sábado, 29 de xaneiro de 2011

[29-01-2011] Durante o mes de xaneiro a Biblioteca Municipal de Ames fixo xirar a súa programación arredor dun concepto tan importante como a paz, un valor para as xeracións máis novas que puideron aprender sobre esta ao longo destes días. Unha das actividades organizadas polas bibliotecas municipais dentro da programación do mes de xaneiro foi un obradoiro de paz. Nesta iniciativa participaron preto de 40 nenos e nenas, que se repartiron entre a biblioteca de Bertamiráns e a biblioteca do Milladoiro. Está previsto outro obradoiro de poesía para os días 9 e 10 de febreiro. Para participar neste obradoiro hai que inscribirse entre o 24 de xaneiro e o 5 de febreiro nas bibliotecas.

O 30 de xaneiro celébrase o Día da Paz. Con motivo desta celebración a Biblioteca Municipal de Ames fixo xirar a súa programación de xaneiro arredor dun concepto tan importante como a paz, un valor para as xeracións máis novas que puideron aprender sobre esta ao longo destes días.

Concienciar aos máis novos sobre a importancia da paz foi o obxectivo da programación de xaneiro da Biblioteca Municipal de Ames. Baixo o lema "Xaneiro: só tres letras, PAZ"os nenos e as nenas puideron asistir a unha serie de actividades de contacontos e obradoiros nas que aprenderon sobre a paz e a súa importancia, como un valor a transmitir ás xeracións máis novas.

Unha das iniciativas encadradas dentro desta campaña pola paz foi a celebración de dous obradoiros monográficos dirixidos aos cativos maiores de oito anos. Estes tiveron lugar ás 18:30 horas do mércores 26 na Biblioteca de Bertamiráns e o xoves 27 na Biblioteca do Milladoiro. Estas actividades tiveron unha gran acollida xa que preto de 20 nenos/as participaron en cada unha das bibliotecas municipais. En total foron 40 os rapaces e rapazas que asistiron a estas actividades.

Nestes obradoiro fixéronse diferentes actividades, como poden ser un xogo de mesa con preguntas relativas á paz ou dar información aos nenos sobre figuras significativas na defensa da paz para que aprendan sobre elas. Ademais, os cativos puideron xogar á oca da paz e elaboraron o símbolo da paz con plastilina. Tamén gozaron con outros xogos como buscar nun mapa a palabra paz escrita en diferentes idiomas.

A programación de actividades da biblioteca municipal continua e para o mes de febreiro está previsto un obradoiro de poesía para os días 9 e 10 de febreiro. Para participar neste obradoiro hai que inscribirse entre o 24 de xaneiro e o 5 de febreiro nas bibliotecas. Neste obradoiro os nenos e nenas poderán participar en diferentes actividades como a construción de pequenos poemas e rimas. Tamén poderán facer pareados e relatar trabalinguas.