Pestanas principais

Arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as de Ames participan na cuarta xornada de formación do Club de Debate Alingua

Xoves, 22 de xaneiro de 2026

Arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as de Ames participaron esta mañá en Santa Comba na cuarta xornada de formación do Club de Debate Alingua. Do concello de Ames participan os dous IES, representados por un equipo do Milladoiro e dous de Bertamiráns. Nesta edición hai 37 equipos inscritos, procedentes de 13 concellos, sumando arredor de 400 persoas, entre alumnado e profesorado. Trátase de alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes, que integra equipos formados por grupos dun máximo de 10 membros e que contan cun docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo. Logo da fase formativa, as fases clasificatorias da competición celebraranse no mes de marzo. 

Os equipos, e como paso previo á competición, iniciaron a pasada semana as sesións formativas. Hoxe xoves 22, Santa Comba acolleu a formación do alumnado local ademais do de Ames e Carballo. Dos institutos amesáns participaron arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as que forman tres equipos, un equipo do IES do Milladoiro e dous do instituto de Bertamiráns. Estas xornadas de formación organízanse co obxectivo de que as mozas e mozos se familiaricen co desenvolvemento dos debates e reciban asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.

As xornadas de formación comezaron o pasado mércores, 14 de xaneiro, en Betanzos, onde alén do propio alumnado betanceiro inscrito acudiu alumnado dos centros educativos de Ferrol, Narón e Pontedeume. De seguido, Vilagarcía de Arousa acolleu o xoves 15 a segunda xornada formativa, coa asistencia de alumnado vilagarcián ademais do procedente de Pontevedra e Rois. Este pasado mércores, 21 de xaneiro, impartiuse a terceira xornada en Arzúa, para os centros inscritos da propia Arzúa, Santiago de Compostela e Teo.

Proxecto de dinamización lingüística
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística organizado desde varios concellos polas áreas respectivas de normalización lingüística lingüística, para favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais. Ademais, contribúe a promover o pensamento crítico e analítico e fomentar a diversidade de opinións, tolerancia e traballo en equipo.

Alén do propio evento competitivo, o Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua galega a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, que inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.

Novas relacionadas:

Bisbarra: "O Club do Debate Alingua organizou a cuarta xornada formativa en Santa Comba"

Arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as de Ames participan na cuarta xornada de formación do Club de Debate Alingua

Multimedia

  • Arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as de Ames participan na cuarta xornada de formación do Club de Debate Alingua
  • Arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as de Ames participan na cuarta xornada de formación do Club de Debate Alingua
  • Arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as de Ames participan na cuarta xornada de formación do Club de Debate Alingua