Pestanas principais

Arredor de 350 deportistas van participar este sábado 6 na Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia

Mércores, 03 de agosto de 2022

Un total de 10 clubs e 350 persoas van disputar esta fin de semana a Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia, organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e a Federación Galega de Piragüismo. O evento, que conta cun percorrido de 1.500 metros polo río Tambre, terá lugar este sábado 6 na praia fluvial de Tapia, a partir das 16:00 horas. Trátase da quinta das seis probas que conforman o I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, no que compiten as categorías bases dos clubs da provincia. Premendo nesta ligazón pódense consultar os datos e os horarios da Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia.

Tapia acolle este sábado 6 de agosto a Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia, un evento que organizan a Concellaría de Deportes de Ames, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e a Federación Galega de Piragüismo. Está previsto que unhas 350 persoas e 10 clubs de piragüismo da provincia da Coruña participen na proba, dedicada á etapa formativa deste deporte. Deste xeito, haberá saídas nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, que comprenden as idades entre 6 e 16 anos, e nas modalidades de caiac e canoa.

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación desta regata, a quinta das seis que compoñen o I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, e que inclúe competicións en Narón, Boiro, Betanzos, Outes, Ames e As Pontes. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a deputada provincial da área de Deportes, Cristina Capelán; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, e José Mato, presidente do club de piragüismo Ribeiras do Tambre.

O acto abriuno a concelleira de Deportes, Susana Señorís, que quixo destacar o pracer que supón para o Concello de Ames celebrar este tipo de eventos deportivos. “Sempre é un pracer acoller probas deportivas de calquera tipo, e se son en Tapia mellor aínda porque para nós é un tesouro. Alí é onde o Club Ribeiras do Tambre ten a súa sede e, ademais, un emprazamento único onde os rapaces e rapazas de Ames e da contorna empezan a practicar este deporte. Agardo que os padexeiros e as padexeiras desfruten desta proba. O bo tempo témolo asegurado e o caudal non nos afecta, así que, moitos ánimos para os deportistas e que collan azos para a derradeira proba do circuíto, que se vai celebrar nas Pontes no mes de setembro”.

A continuación tomou a palabra José Mato, presidente do club de piragüismo Ribeiras do Tambre, que aproveitou a ocasión para poñer en valor os resultados que este tipo de competicións achegan aos clubs. “Este circuíto está dando uns resultados moi bos, nas probas anteriores participaron varios nenos que estaban a realizar os cursos de iniciación ao piragüismo do club e quedaron abraiados ao ver o bonito que era todo. Tanto que moitos decidiron inscribirse no club e algúns deles mesmo se inscribiron nos cursos de “Achégate ao piragüismo” do mes de agosto para os que tivemos que ampliar prazas”.

Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo tomou a palabra para amosar o seu agradecemento ás administracións polo apoio ao deporte base. “Estamos moi contentos porque os padexeiros están contentos, os pais están contentos, os clubs están contentos e nos temos que estar contentos tamén. Así que esperemos que este circuíto sexa o primeiro de moitos”. O presidente da Federación tamén destacou o crecemento do piragüismo na provincia da Coruña nos últimos anos. “Hai anos na liga provincial de piragüismo da Coruña había 600 licenzas, este 2022 estamos xa nas 1700. En ningún lugar do mundo se fai tanto piragüismo por habitante como en Galicia, somos unha potencia mundial”.

Pola súa parte, a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, agradeceu a acollida que está a ter este circuíto ata o momento. “Dende a Deputación destinamos máis de catro millóns de euros a deportes entre liñas de subvencións e actividade propia, como é o caso deste circuíto provincial de piragüismo que esta saíndo tan ben. Tiven a sorte de estar na primeira proba en Narón e na cuarta en Outes, e ese ambiente cos nenos de compañeirismo pon en valor todo o que o deporte significa. Para nós é un orgullo poder realizar este tipo de actividades”.

O último en intervir foi o alcalde de Ames, Blas García, que destacou a aposta do Concello de Ames polo deporte formativo. “Unha das actividades de referencia en Ames sempre foi o piragüismo. Temos un club como o Ribeiras do Tambre, que non é un club súper potente nin que saca grandes campións, pero que ten esa esencia familiar e humilde da que nos sentimos orgullosos. Teño a seguridade de que o deporte base é fundamental para que despois os nosos nenos e nenas, sobre todo en Ames que temos tantos por sorte, poidan sentirse identificados cunha actividade sa e que crea equipo e compañeirismo”.

Horarios e premios

A praia fluvial de Tapia servirá como punto de saída das probas, que comezarán ás 16:00 horas e se desenvolverán ao longo da tarde, coa última programada para as 19:30 horas. O percorrido, de 1.500 metros para todas as categorías, transcorre polo río Tambre ao seu paso pola área recreativa, onde estarán habilitadas as zonas de embarque e desembarque.

Unha vez rematada a competición, a entrega de premios terá lugar ás 20:00 horas, con pinchos para as persoas participantes e acompañantes ás 20:15 horas. Ao formar parte do I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, establécense clasificacións individuais e por equipos, que suman para unha clasificación final na que se teñen en conta os resultados nas seis regatas. En cada unha delas entréganse medallas ou trofeo ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría e modalidade, ademais de trofeos aos tres primeiros clubs.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Más de 300 palistas competirán el sábado en el Circuito Fluvial de Tapia"

Enfoques: "El “I Circuíto de Piragüismo Deputación da Coruña” llega este sábado a Ames con más 350 inscritos"

AMSGO!: "Tapia acolle unha regata este sábado"

Arredor de 350 deportistas van participar este sábado 6 na Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia

Multimedia

  • Arredor de 350 deportistas van participar este sábado 6 na Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia
  • Arredor de 350 deportistas van participar este sábado 6 na Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia
  • Arredor de 350 deportistas van participar este sábado 6 na Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia
  • Arredor de 350 deportistas van participar este sábado 6 na Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia