Pestanas principais

Arredor de 300 persoas reclaman unha solución para a N-550 ao seu paso polo Milladoiro

Venres, 22 de xuño de 2018

[22-06-2018] Este xoves, 21 de xuño, a veciñanza do Milladoiro botouse a rúa para participar na manifestación convocada pola Plataforma veciñal N550 co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. A marcha saíu dende a rúa de Castelao ás 20:00 horas. Os/as manifestantes baixaron pola avenida de Rosalía de Castro ata a rotonda que está na entrada do Milladoiro e volveron subir pola avenida de Rosalía de Castro ata a rúa da Madalena onde rematou. Os manifestantes foron andando por un dos carrís da avenida de de Rosalía de Castro ralentizando a marcha do tráfico. Para dar a volta a rotonda ocuparon os dous carrís de circulación. O próximo martes, 26 de xuño, ás 17.00 horas na Delegación Territorial da Coruña, varios representantes da Corporación municipal manterán unha xuntanza co delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro.

Eliminación do tráfico pesado e humanizar O Milladoiro
O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “o éxito da convocatoria estivo en que moita xente se foi sumando. É necesario concienciar á veciñanza do Milladoiro, xa que moitos aínda non saben da existencia da plataforma. Aínda que as datas seguramente non sexan as idóneas, o obxectivo da manifestación era ir sumando xente e visibilizar o problema para conseguir retirar o tráfico pesado e humanizar O Milladoiro”.

Miñones engadiu “non vai ser a última acción deste proceso, que se antolla longo, e seguimos dando pasos para conseguir os obxectivos. O próximo martes temos unha xuntanza co responsable territorial da Demarcación de Estradas en Galicia para expoñerlle desde a Corporación municipal e a Plataforma cal é o problema. Ademais, temos xa solicitada unha reunión co novo goberno central para trasladarlle tamén toda a problemática do Milladoiro”.

Carlos Villaverde, integrante da Plataforma veciñal N550, dixo “amosamos que o problema existe e a xente se suma. Isto é un fito para comezar a facer cousas. De feito xa se expuxeron varias ideas como xuntarse varios coches e saír con carteis nos vehículos e facendo ruído, para que isto volva ser a avenida Rosalía de Castro. Na próxima asemblea da plataforma valoraremos as accións que seguiremos levando a cabo para humanizar o Milladoiro”.

Baixo o lema Solucións Xa!!!!! arredor de 300 persoas participaron onte na manifestación convocada pola Plataforma veciñal do Milladoiro N550. Membros da Corporación municipal, membros de dita Plataforma, veciños e veciñas do Milladoiro e do resto do concello, así como membros plataforma Casalonga limpa de residuos, realizaron unha marcha pola avenida de Rosalía de Castro, que durou arredor dunha hora, ralentizando a circulación do tráfico. A través desta iniciativa tratouse de visibilizar a necesidade de afondar na busca de solucións, de maneira inmediata, ao problema do tráfico do Milladoiro, para alcanzar o obxectivo de humanización do núcleo urbano.

Desde a Plataforma veciñal N550 do Milladoiro manifestan que a manifestación do día de onte foi un éxito. Agradécenlle a todos as veciñas e veciños a participación na manifestación e o apoio nas redes sociais. “Queremos agradecer especialmente ás compañeiras e compañeiros da plataforma Casalonga limpa de residuos a súa participación e apoio na nosa loita, como así tamén á Policía Local e a Agrupación de Protección Civil. Desde a Plataforma queremos lembrar que o noso obxectivo é que a N-550 se converta na avenida de Rosalía de Castro para goce dos veciños, como se coreou onte: menos camións, máis peóns”.

O próximo martes, 26 de xuño, ás 17.00 horas na Delegación Territorial da Coruña, varios representantes da Corporación municipal manterán unha xuntanza co delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro. Este encontro realízase a instancias da da Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que por axilidade na atención, delega a solicitude de reunión feita por parte do Concello de Ames en varias ocasións, no delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña. Asistirán membros da Corporación municipal e da Plataforma veciñal N550.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Menos camións e máis peóns"
El Correo Gallego: "Milladoiro reclama su avenida para la gente y no para el tráfico"
Lindeiros: "O Milladoiro reclama solucións para a Nacional 550"
Compostela 24 horas: "Milladoiro sae a rúa para reclamar unha solución á N550"