[26-12-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organizou para este mes de decembro dous torneos de Nadal. A semana pasada desenvolveuse o primeiro torneo de fútbol sala 3x3. Participaron arredor de 50 persoas divididas en oito equipos. Ademais, esta semana realízase o primeiro torneo de baloncesto, no que participan unhas 250 persoas repartidas en 20 equipos. Estas actividades desenvólvense no pavillón municipal do Milladoiro.
A semana pasada o Concello de Ames organizou o primeiro Torneo de Nadal de fútbol sala 3x3, que se desenvolveu no pavillón municipal do Milladoiro. Nesta actividade participaron oito equipos (arredor de 50 persoas). O campión e subcampión recibiron unha cesta de Nadal como premio. Os premios foron entregados polo alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, e pola concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González. Cómpre destacar que un dos equipos gañadores cedeu a súa cesta ao departamento de voluntariado, para que os produtos sexan repartidos entre as persoas e familias de Ames con menos recursos.
Por outra banda, hoxe martes 26 de decembro comeza o I Torneo Nadal de Baloncesto Concello de Ames, que tamén se desenvolve no pavillón municipal do Milladoiro. Nel participan rapaces e rapzas das categorías baby basquet (2010-2011), preminibasquet (2008-2009), minibasquet (2006-2007) e basquet 3x3 (2000-2005). Hoxe e mañá desenvolverase o torneo das categorías baby basquet, preminibasquet e minibasquet, mentres que para o xoves queda o torneo de basquet 3x3. Neste torneo de Nadal participan unhas 250 persoas repartidas en 20 equipos.
A programación deportiva para este Nadal complétase coa organización do II Campus de Fútbol Sala, que está organizado polo FC Meigas, en colaboración co EFS Trasgos e co Concello de Ames. Este campus, que comeza hoxe e se realiza ata o 30 de decembro, desenvólvese no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de 9:00h a 14:30 horas. Dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2001 e 2012, o campus conta con servizo de gardería.
I Torneo Nadal de Fútbol Concello de Ames
Xa en xaneiro, os días 3 e o 4 dese mes, terá lugar o I Torneo Nadal de Fútbol Concello de Ames, o cal se desenvolverá nos campos de fútbol do concello. Para facer parte destas actividades é preciso inscribirse previamente. Para tramitar as inscricións ou obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 – 981 535 940. Tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal





