[17-04-2015] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolle este domingo a sexta edición do Encontro de Patinaxe Artística das escolas deportivas do Concello de Ames, unha cita á que asistirán arredor de 300 participantes. Durante a mañá, realizarase a competición de grupos, mentres que pola tarde desenvolveranse as probas individuais. Ademais, haberá exhibicións do Club de Patinaxe Fontiñas e dunha patinadora do Club de Patinaxe Sarela. O campionato terá lugar entre as 11:00 e as 13:30 horas e de 16:00 a 20:30 horas.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, invita á veciñanza amesá a acudir a este encontro e destaca “a importancia de practicar deporte para poder levar a cabo unha vida saudable”. O rexedor anima á mocidade amesá a seguir participando das disciplinas que ofrecen as escolas deportivas municipais, que suman máis de 1.500 usuarios.
A patinaxe é unha das actividades –das quince que se imparten– con maior participación dentro das escolas deportivas municipais. Para consolidar esta tendencia, o Concello de Ames, coa colaboración da empresa Eulen Sport, organizan un evento que mestura música, baile, coreografías, colorido e moitas emocións. A entrada é gratuíta.
A proba arrancará coa competición dos grupos – show. Os rapaces competirán en grupos, pero haberá dúas categorías diferentes tendo en conta o nivel dos patinadores. A continuación, haberá unha exhibición do Club de Patinaxe Fontiñas, que porá en escena o baile en grupo co que competiu no campionato galego de patinaxe.
Na sesión de tarde realizarase a competición de todos os patinadores participantes, que estarán divididos en cinco niveis diferentes. Tras a competición individual realizarase outra exhibición, pero esta vez a cargo dunha patinadora do Club de Patinaxe Sarela. Por último, realizarase a entrega de agasallos e dos trofeos aos gañadores da competición.