Pestanas principais

Arredor de 250 persoas xuntáronse nos establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro para participar no programa Cultura de Bar

Martes, 26 de xuño de 2012

[26-06-2012] A terceira xornada do programa de Cultura de Bar volveu a ter unha boa acollida. Este programa segue espertando o interese da veciñanza amiense que cada venres se xunta nalgún establecemento hostaleiro de Bertamiráns ou Milladoiro para ver as actuacións que se enmarcan dentro deste programa de dinamización da hostalería. Durante a pasada fin de semana os contos de Pepo Suevos, o humor e canción satírica de Víctor Grande, e as actuacións musicais de Loli Nogueira e Miguel Alonso xuntaron en Bertamiráns e no Milladoiro arredor de 250 persoas. A próxima fin de semana remata o programa de Cultura de bar. O venres 29 estarán en Bertamiráns, Miguel Alonso e Paul Black, mentres que no Milladoiro actuarán o grupo Duodeno e o Mago Romarís. Ademais, Paul Black estará o sábado 30 nos locais O Pilón e Manhattan do Milladoiro para ofrecer a actuación que se suspendeu pola choiva o pasado venres 15 de xuño.


Arredor de 250 persoas participaron na terceira xornada de Cultura de Bar. En Bertamiráns o New York acolleu a actuación do humorista Víctor Grande, que coas historias e cancións un pouco subidas de ton, fixo rir a esgalla a todas as persoas que se deron cita neste local. Nesta mesma localidade, no Koptel estivo o contador de historias Pepo Suevos. Como é habitual nel conseguiu atrapar cos seus contos e historias a todo aquel que se achegou por este bar.

Por outra banda, no Milladoiro, houbo dúas actuacións musicais. Primeiro, en IL Ritrovo estivo o cantautor en galego Miguel Alonso, que deleitou a todos os asistentes coa súa voz e novidosas letras. A actuación que xuntou a un maior número de persoas foi a de Loli Nogueira, que estivo acompañada polo músico Paco Cerdeira no Café-Bar Galway.

As diferentes xerencias dos establecementos que participaron nesta xornada do programa Cultura de Bar mostraron a súa satisfacción por esta iniciativa e por como se desenvolveron as actividades nos seus respectivos locais ademais de pola clientela nova que se achegou ata os mesmos. Por outro lado, manifestaron o seu desexo de seguir organizando novos espectáculos nos seus locais e participar en futuras edicións do programa Cultura de Bar.

Coa intención de facer máis atractivo o programa de Cultura de Bar os establecementos hostaleiros que participan nesta iniciativa estableceron a denominada “Tarifa plana 1€”, que consiste en que estes locais ofrecerán unha variedade de cada un dos produtos (auga, infusión, café, caña/clara e viño) ao prezo de 1 euro. A marca da bebida servida baixo esta tarifa especial será elixida por cada establecemento e será aplicada durante todos os días que se desenvolva o programa Cultura de Bar.

Actuacións previstas para esta fin de semana

O programa Cultura de Bar remata esta fin de semana a súa primeira etapa tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. En Bertamiráns o programa de actuacións comeza o venres 29 de xuño, ás 21:30 h, na cafetería A Charca coa actuación do cantautor en galego Miguel Alonso. Nesta mesma localidade, ás 22:30 h, no Meigas estará o músico irlandés Paul Black. Por outra banda, no Milladoiro, ás 21:30 h actuará o grupo Duodeno no Babia Café, mentres que ás 22:30 h o mago Romarís achegará o seu espectáculo de maxia ata o bar Premium.

O sábado 30 de xuño, a partir das 21:30 horas, o músico irlandés Paul Black pechará esta primeira etapa do programa Cultura de Bar nos locais O Pilón e Manhattan, ambos situados preto do Cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Esta actuación tivo que ser suspendida o pasado día 15 de xuño pola choiva, xa que o reducido tamaño destes locais obriga a que a actuación teña que realizarse ao aire libre.

A Concellaría de Promoción Económica conta co apoio económico da Deputación da Coruña para o desenvolvemento deste programa de dinamización da hostalería de Ames. Debido a boa acollida e aceptación que está acadando o programa Cultura de Bar, entre os hostaleiros e o público, estase analizando a posibilidade de estendelo aos establecementos situados no rural. O que xa están pechadas son as accións para o peche desta etapa como é o reparto de libros e o sorteo de diferentes agasallos.