[26-06-2014] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este mércores, 25 de xuño, pola tarde o acto de clausura das actividades que desenvolveu a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) ao longo do curso 2013-2014. Neste evento participaron os profesores/as e alumnos/as das Escolas integrais de maiores de Bertamiráns e do Milladoiro e os membros da coral do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, entregoulle os diplomas aos alumnos/as que asistiron ás actividades da Escola integral de maiores; ao curso de relaxación a través das mans; ao seminario de viticultura; ao obradoiro de patronaxe, corte e confección; ao curso de español para estranxeiros; aos voluntarios/as do roupeiro municipal e do programa de apoio escolar.


Actuacións teatrais, poéticas e musicais
O acto de clausura das actividades da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames comezou coa intervención dos mestres das Escolas integrais de maiores. O festival continuou coa intervención do alumnado das Escolas integrais de maiores do Milladoiro e de Bertamiráns, que realizaron varias representacións teatrais, recitais poéticos e cataron varias cancións. De seguido, saíron ao escenario os membros da coral do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro que interpretaron tres temas. O acto rematou coa entrega de diplomas aos alumnos/as e profesores/as que participaron nalgunha das actividades organizadas pola OVA. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, foi o encargado de facer entrega dos diplomas.
Grazas aos voluntarios/as pódense impartir os cursos de corte, confección e patronaxe; o curso da Escola Integral de Maiores; os cursos de informática, nos que participaron os alumnos/as da Escola Integral de Maiores; os cursos de castelán para estranxeiros; o seminario de viticultura; o curso de relaxación a través das mans, etc. Tamén hai que destacar o importante traballo que levan a cabo durante todo o ano as persoas que atenden o roupeiro municipal e os profesores/as voluntarios/as do programa de apoio escolar.
Todas estas actividades desenvólvense ao longo de todo o ano en Bertamiráns e no Milladoiro. As persoas voluntarias, que exercen de profesores, foron as verdadeiras protagonistas do acto. Pero ademais dos voluntarios tamén asistiron todos os alumnos e alumnas que ao longo de nove meses asistiron a estas actividades. Todas estas persoas prepararon con gran esmero un festival de fin de curso. Cómpre salientar que durante este ano asistiron a todas estas actividades arredor de 250 persoas.
O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado, organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amiense. Estas actividades son posibles grazas a colaboración desinteresada duns 75 voluntarios/as.
Unha vez rematado o curso 2013-2014, este mércores pola tarde celebrouse o acto de clausura das actividades que desenvolve a Oficina de Voluntariado de Ames. A este evento asistiron todas as persoas que cada ano ofrecen os seus servizos de xeito gratuíto e desinteresado.




