Pestanas principais

Arredor de 250 persoas inscribíronse para participar na XII Milla Urbana do Concello de Ames

Venres, 15 de xuño de 2012

[15-06-2012] O prazo de inscrición aberto para participar na duodécima edición da Milla Urbana do Milladoiro pechouse hoxe con arredor de 250 persoas anotadas e que teñen previsto participar este domingo na proba deportiva. Un ano máis, o Concello de Ames organiza esta carreira na que as persoas participantes, tanto atletas profesionais como afeccionados percorren unha milla, algo máis de 1.600 metros, excepto para as categorías inferiores (prebenxamín, benxamín e alevín). Nesta ocasión, a cita terá lugar o domingo a partir das 11:00 horas na Travesía do Porto, situada na localidade do Milladoiro.

A Milla Urbana é unha carreira que ano tras ano segue espertando o interese de atletas pertencentes a clubs profesionais e de todas aquelas persoas que gozan correndo por entretemento e diversión. Os e as participantes deben percorrer unha milla, é dicir, máis dun quilómetro e medio, por algunhas rúas do Milladoiro fixadas no circuíto que ten a saída e a chegada na área deportiva do Milladoiro. Esta carreira pódese celebrar grazas á colaboración da Deputación da Coruña, da Policía local de Ames, Club Atletismo Sar, Club Atlético Bertamiráns, Club de Atletismo Milla Raio, Construcións e Promocións Blanco Barreiro, Cruz Vermella de Santiago de Compostela, Coca Cola, Base Centro Deportivo e Super Cor.

Non existe límite de participación en canto á idade. Para iso establécense diferentes categorías segundo o ano de nacemento dos deportistas: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil-júnior, promesa-sénior e cinco grupos de veteranos. As tres primeiras categorías deberán completar un circuíto cunha distancia axeitada á súa idade, polo tanto menos dunha milla. Tampouco hai esixencias especiais en canto á súa cualificación deportiva, dado que non é necesario ter licenza federativa nin tampouco pertencer a ningún club. O que si é necesario é estar inscrito para poder correr.

As probas contarán co control técnico da Federación Galega de Atletismo. O regulamento recolle algúns aspectos que cómpre destacar, como son o feito de que se poderán retirar os dorsais ata media hora antes do inicio da proba ou que as saídas se irán dando a intervalos de 10 minutos para cada categoría. O control dos tempos pecharase así que transcorra o dobre do tempo empregado polo vencedor na categoría correspondente. Ademais, tamén se establece que os tres primeiros clasificados en cada categoría levarán cadanseu trofeo. Neste sentido, os vencedores terán que acreditar a súa idade presentando o carné de identidade ou ben o pasaporte. Poñerase a disposición de quen o desexe un servizo de duchas no pavillón polideportivo do Milladoiro.