Pestanas principais

Arredor de 220 persoas participaron no Día do Deporte de Ames

Luns, 26 de setembro de 2011

[26-09-2011] O Concello de Ames celebrou o pasado sábado o Día do Deporte na área deportiva do Milladoiro. Esta é unha das actividades deportivas preferidas polos veciños e veciñas amienses e nela participaron arredor de 220 persoas que se achegaron a gozar dos deportes individuais e en equipo. Este acontecemento contou coa boa forma do concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, do concelleiro de Urbanismo, Ramón Argibay, da concelleira de Mocidade, María González e, non podía faltar, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro. Exercicio e divertimento confluíron como fórmula perfecta para fomentar o deporte. Ese é o obxectivo do Concello de Ames para que os e as amienses gocen de boa saúde.


O Día do Deporte é unha iniciativa organizada pola Concellería de Deportes que defende firmemente a necesidade de incluír o deporte na vida dos amienses co obxectivo de favorecer a realización de hábitos saudables. Esta práctica ofrece numerosas vantaxes para a saúde mental e física das persoas e, por iso, o Concello de Ames mostrase, a través da Concellería de Deportes, moi comprometido co fomento de actividades deportivas que son beneficiosas para a saúde dos e das amienses. Ao longo do ano, a Concellería de Deportes desenvolve numerosos acontecementos deportivos entre os que destaca o Día do Deporte, un dos máis entretidos e variados do programa amiense, sempre cun alto nivel de participación.

Os deportes en equipo como o fútbol e o baloncesto foron os protagonistas indiscutibles desta xornada. Campionatos tres por tres onde a canastra e a porteaía contraria foron os obxectivos fundamentais dos participantes que non só realizaron exercicio senón que fixeron todo o posible por gañarlle a partida ao adversario fe converteron os encontros en verdadeiras e emocionantes competicións que non tiñan nada que envexarlles as das primeiras divisións. En canto a práctica deportiva en solitario, destacaron os inchables, onde os máis pequenos non deixaron de entreterse saltando sen parar, e tamén o piragüismo que causou gran sensación entre os e as asistentes.

Porén, estas non foron as únicas actividades desenvolvidas ao longo da xornada. Xogos para todos os gustos e para todos os públicos tiveron lugar ao longo da tarde. Os amantes do ciclismo, do pinpón, do bádminton e do tenis gozaron tamén do seu propio espazo para desenvolver a actividade deportiva que máis lles gusta Os coches de pedais, o spinning, o atletismo e a práctica de deportes alternativos como a chave completan a gran e variada oferta que o Concello de Ames puxo a disposición de todas aquelas persoas que quixeron participar no Día do Deporte.

A organización do evento entregou a aquelas persoas máis polifacéticas un pequeno agasallo pola realización de máis de catro actividades diferentes. Co seu carné de deportista, o/a usuario/a podía moverse por todas as instalacións e realizar distintos deportes que eran selados na súa tarxeta de identificación. Aquela persoa que reunise cinco actividades contaba co seu "particular trofeo" en forma de camiseta pola súa traxectoria ao longo da xornada deportiva.


A fin de semana amiense estivo marcada polo aire libre e o deporte, o sábado coa celebración da sexta edición do Día do Deporte e o I Memorial José Víctor Ónega Carrera e, o domingo, coa I Andaina pola senda verde de Ames. O Concello quere que os veciños e veciñas gocen de boa saúde e, por iso, promoven e fomentan de forma activa a práctica de actividades deportivas que contribúen á boa forma física dos e das amienses. Unha mostra da afección deportiva dos veciños do municipio é o alto nivel de participación no Día do Deporte xa que arredor de 220 participaron neste evento.