[02-05-2016] O sábado pasado tivo lugar o VII Encontro de patinaxe das Escolas deportivas do Concello de Ames. O evento celebrouse no pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns. Un total de 12 grupos participaron pola mañá na competición por equipos, e 82 rapazas e 5 rapaces tomaron parte, pola tarde, na competición individual. Ademais da competición, varios clubs e patinadoras realizaron exhibicións. O club de patinaxe artística Omega, responsable de impartir a modalidade de patinaxe das Escolas deportivas de Ames, foi o organizador, xunto coa colaboración do Concello de Ames, deste encontro que reuniu a todas as persoas novas amesás amantes deste deporte.
O primeiro grupo en saír á pista foi un equipo de Brión do nivel 1, que realizou a exhibición “Mario Kart”. No nivel 1 participaron outros 6 equipos que representaron as exhicións “Cazapantasmas”, un equipo de Bertamiráns, “Barockuta”, de Barouta, “A Millóns de anos luz”, do Milladoiro, “Cosa Nostra”, de Barouta, “Surcando o Mar”, de Milladoiro e “Fábrica de Caramelos”, de Bertamiráns. Despois das demostracións dos equipos de nivel 1 o club de patinaxe Sarela ofreceu a exhibición “Frecuencias”.
Ás 12:00 horas saíron á pista as rapazas e rapaces do nivel 2 da competición de grupos. Comezou o equipo de La Salle, do concello de Santiago de Compostela, con “Dun mundo moi lonxano”. A continuación un equipo de Bertamiráns competiu con “Comeza o novo ano”, outro de Brión presentou “Transportando Movemento”, un de Bertamiráns participou con “1974” e rematou esta fase un grupo do Milladoiro con “Os Minions”. O club de patinaxe artística Omega protagonizou a segunda exhibición da mañá, ás 12:30 horas, con “Onde está Wally?”. Ao final da mañá as e os participantes da fase de competición por equipos desfilaron ante o público e fíxose entrega dos diplomas.
Fase de competición individual
Ás 16:00 horas comezou a competición individual, na que participaron rapaces e rapazas das escolas deportivas do Milladoiro, de Barouta e de Bertamiráns. As persoas participantes desfilaron ás 16:30 horas, e a continuación, comezaron as exhibicións do nivel 1. Neste nivel competiron 19 rapazas e 9 rapaces. Ás 17:30 horas comezaron as actuacións das 19 alumnas de nivel 2. A continuación Martiña Bretaña, patinadora da categoría benxamín do club de patinaxe artística Omega, e Inés Peña, tamén da categoría benxamín deste mesmo club, realizaron dúas exhibicións.
A partir das 18:15 horas interviron as 22 rapazas do nivel 3, ás que lle seguiron as 17 rapazas e 1 rapaz do nivel 4. Nos dous últimos niveis, 5 e 6, competiron 2 e 3 rapazas respectivamente. Tras elas pecharon esta fase final as exhibicións de Aldara Couce, patinadora da categoría alevín do club de patinaxe Sarela, María Torre, da categoría infantil do club de patinaxe artística Omega, María Peña, da categoría infantil do club de patinaxe Sarela, e Nadia Iglesias, patinadora da categoría xuvenil do club de patinaxe artística Maxia. O VII Encontro de patinaxe finalizou coa entrega de trofeos e o desfile das patinadoras e patinadores que participaron nesta fase individual.







