[12-04-2011] O pavillón polideportivo do Milladoiro acolleu este sábado a segunda edición da competición de patinaxe artística que se celebra no marco do programa das Escolas Deportivas Municipais. Por medio deste programa o Concello de Ames promove hábitos de vida máis saudables a través do deporte e esfórzase por difundir valores de gran importancia como son o respecto, o compañeirismo ou a tolerancia. Este segundo encontro reuniu nas súas dúas modalidades 202 participantes que competiron no campionato. Ademais, o Club de Patinaxe Campus Stellae acudiu para deleitar aos asistentes con dous grupos de Show que presentaran con anterioridade no Campionato Galego de Patinaxe Artística.
O sábado tivo lugar o II Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais de Ames, que coa boa experiencia do ano pasado tentou, e sen dúbida conseguiu, dar un salto de calidade e cantidade que fixese este deporte atractivo para nenos e adultos. A patinaxe é unha das actividades que goza de máis éxito dentro do programa de Escolas Deportivas Municipais, e boa proba diso deron as 202 persoas que tomaron parte na competición entre a mañá e a tarde, isto é, en coreografías individuais e de grupo, respectivamente.
O espectáculo deu comezo ás 11:00 horas coa quenda dos participantes nas coreografías individuais, pertencentes aos clubs de Bertamiráns, Milladoiro, Campus Stellae e Monte dos Postes. Tras estas actuacións o Club de Patinaxe Artística Fontiñas fixo unha exhibición do seu baile de grupo show que precedeu á entrega de trofeos da primeira modalidade. Ademais, entregáronse e sorteáronse agasallos entre todas as persoas participantes, dándose por rematada a primeira parte do campionato sobre as 14:00 horas. Nesta primeira modalidade competiron un total de 45 rapaces e rapazas en espectáculos que, coma os da tarde, mesturaron música, baile, coreografías, colorido e emocións.
Pola tarde foi a vez dos participantes en grupo, que foron un total de 157 persoas, divididos entre as escolas de Barouta, Bertamiráns, Brión e O Milladoiro. Ao igual que pola mañá, o Club Campus Stellae deleitou ao público con dúas exhibicións de baile en grupo show. Despois procedeuse á entrega de trofeos e agasallos aos participantes, arredor das 19:00 horas. No evento participaron tres xuízas que foron quen valoraron a calidade artística dos nenos e as nenas participantes. Ademais, cada un destes recibiu un agasallo e unha camiseta de recordo pola súa participación.
Con este evento a patinaxe consolídase como unha disciplina referencial dentro das Escolas Deportivas Municipais. Desde a organización pretendeuse que este evento representase o traballo do conxunto das Escolas Deportivas do Concello e a través del se transmitise e dera a coñecer o esforzo, a dedicación e a profesionalidade tan importantes para a educación dos nenos que serán o futuro do concello e da sociedade.




