[24-05-2013] A localidade de Bertamiráns acolle este sábado, 25 de maio, un mercado denominado “ArteSan”, no que haberá artigos de artesanía e produtos da horta de proximidade. Este novidoso mercado estará situado no paseo fluvial de Bertamiráns e contará cuns 20 postos que ofertarán produtos artesanais e de horta. Ao longo de toda a xornada tamén haberá actividades gratuítas relacionadas co comercio xusto, cultivos ecolóxicos e actuacións musicais. Esta iniciativa, organizada pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e na que colabora o Concello de Ames, desenvolverase entre as 11:00 h e as 21:00 horas. O obxectivo deste novidoso evento é promover o comercio de proximidade e a economía social.
Arredor de 20 artesáns e produtores agrícolas, todos eles pertencentes ao concello de Ames e a diferentes localidades da comarca de Santiago de Compostela, participarán este sábado, 25 de maio, no mercado “ArteSan”, que estará situado no Paseo fluvial de Bertamiráns.
Os produtos que se porán a venda son froitas, verduras, hortalizas, complementos, téxtil, cosmética natural, xoias, etc. Ademais, ao longo de toda a xornada desenvolveranse actividades gratuítas nas “jaimas” municipais, que estarán situadas no paseo fluvial. Debido a iso, está restrinxido o estacionamento e o paso de vehículos na ponte do paseo fluvial, a altura da rúa Entrerríos, dende as 9:00 horas do pasado xoves, 23 de maio, ata as 14:00 horas do luns, 27 de maio.
As actividades gratuítas comezarán ás 11:30 horas da mañá. A esta hora levarase a cabo un coloquio sobre comercio xusto, que correrá a cargo da cooperativa Equisol. Seguidamente, entre as 12:00 h e as 13:00 horas, terá lugar a actividade “A cantar e a xogar”, que consiste nun concerto de música para bebés que realizará Marcela Rubiano.
Xa pola tarde, as actividades gratuítas continuarán ás 18:00 horas coa elaboración de mesas de cultivo por conta de Madreselva Xardinería Ecolóxica. Para esta iniciativa, que se estenderá ata as 19:00 horas, será necesaria inscrición previa o mesmo día do mercado no propio stand de Madreselva. Por último, as actividades relacionadas co mercado “ArteSan” rematarán ás 20:00 horas cun concerto de “cuencos tibetanos”, que correrá a cargo de Gabriela Acosta.




