Pestanas principais

Arredor de 150 rapaces participaron no IV Trofeo de Karate Concello de Ames

Luns, 26 de marzo de 2012

[26-03-2012] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o sábado pasado a cuarta edición do Trofeo de Karate Concello de Ames. A iniciativa, organizada polo Club Deportivo Karate de Ames, en colaboración coa Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, contou coa participación de arredor de 150 rapaces e rapazas nas modalidades de kata e kumite. Na competición estiveron presentes clubs de Negreira, Santiago de Compostela, Vedra, Boiro e Ames que non quixeron perder esta cita na que o Concello volveu apoiar con forza este deporte. Hai que destacar o importante papel que realizaron os rapaces e rapazas do CD Karate Ames que conseguiron seis primeiros postos, seis segundos e seis terceiros. Os trofeos foron entregados polo concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, e polo concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe con todos os resultados do IV Trofeo de Karate Concello de Ames.


Modalidade de kumite

O kumite é unha loita na cal as técnicas practicadas teoricamente son aplicadas nun enfrontamento cun opoñente real. A corrección e a minuciosidade na execución das técnicas son esenciais no kumite, poñéndose en xogo a habilidade tanto física como mental dos competidores. Esta tarefa non é fácil, especialmente para os principiantes, e soamente despois dalgún tempo os practicantes poden adquirir a capacidade de concentración e o dominio do seu corpo necesarios para executar cada técnica coa eficacia e a forza apropiadas.

Na modalidade de kumite competiuse en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces foron en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, estivo prohibido tocar o casco do rival, prevéndose sempre a protección da integridade física dos participantes.

O gañador desta modalidade na categoría xuvenil masculino foi, Samuel Huesca, do CD Karate Ames, mentres que na categoría cadete masculina gañou José Carlos Carballo, da AD O Coto de Negreira. En xuvenil/cadete feminino a vitoria foi para Sandra Abel, do CD Karate Ames.

A competición organizouse de xeito que se levaron a cabo todas as probas de cada categoría e a entrega dos trofeos destas antes de lle dar paso á seguinte. Os trofeos foron entregados polo concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, e polo concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar. Hai que destacar a importante papel que realizaron os rapaces e rapazas do CD Karate Ames que conseguiron seis primeiros postos, seis segundos e seis terceiros.


Nesta modalidade, en categoría masculina, os gañadores foron os seguintes. En benxamín o primeiro posto correspondeu a Logan Tobar, do CD Karate de Ames, e en alevín o gañador foi Lois Morón Rodríguez, do Cluny Santiago. En infantil gañou Pablo Rodríguez, do CD Karate Ames, mentres que na categoría de xuvenil/cadete o gañador foi Diego Mayo, do AD O Coto de Negreira.

Na categoría feminina resultou gañadora en benxamín Ane Navarro e en alevín Sofía Méndez, ambas as dúas do CD Karate Ames. En infantil venceu Mónica Sieiro e en xuvenil/cadete Paula Viñas. As dúas deportistas pertencentes da Asociación Deportiva O Coto de Negreira.


O IV Trofeo de Karate Concello de Ames tivo lugar o pasado sábado no pavillón polideportivo de Bertamiráns ao longo de toda a tarde. Desde as 16:30 horas ata aproximadamente as 21:30 horas, arredor de 150 rapaces e rapazas tomaron parte na competición amosando a súa pericia e dominio deste deporte de artes marciais. Os participantes, de entre 4 e 15 anos de idade, dividíronse nas categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete.

Neste torneo participaron 7 clubs da comarca. Os clubs que participaron nesta competición foron o Club Deportivo Vedra, Cluny de Santiago, Shorinji-ryu Escarabote de Boiro, Asociación Deportiva do Coto de Negreira, A. D. E. Inmaculada de Santiago, Squash- Club do Milladoiro e Club Deportivo Karate de Ames.

A competición levouse a cabo en dúas modalidade, kata e kumite (combate en xaponés), tanto na categoría feminina coma na masculina. A kata está especializada nunha sucesión de técnicas determinadas que o deportista executa ao aire contra un adversario imaxinario. No karate esta modalidade céntrase nunha combinación de golpes de mans e pés baixo unha secuencia de movementos, bloqueos, desprazamentos, xiros e saltos nos que se persegue unha perfecta execución e orixinalidade.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Arredor de 150 rapaces participaron no IV Trofeo de Karate Concello de Ames"