Pestanas principais

Arredor de 150 persoas participaron este domingo no X Día da Bici que se celebrou en Bertamiráns

Luns, 09 de maio de 2016

[09-05-2016] O Concello de Ames celebrou este domingo, 8 de maio, a décima edición do Día da Bici. Esta actividade espertou un gran interese entre a veciñanza amesá e dende o departamento de Deportes tramitaron preto de 200 inscricións. A pesar da choiva que caeu este domingo, arredor de 150 persoas participaron nesta actividade na que se realizouse unha ruta pola contorna de Bertamiráns completando un circuíto, de 8 quilómetros de distancia, practicamente urbano.

Está actividade estaba pensada para que puidese participar calquera persoa maior de 8 anos de idade. O percorrido, de 8 quilómetros, foi deseñado polas rúas de Bertamiráns. A maior parte deste circuíto discorreu polo núcleo urbano, aínda que tamén se pasou polas zonas rurais do Pedregal, Sisalde e de Covas. A organización deseñou un itinerario fácil e de dificultade baixa, cunha duración máxima dunha hora.

Ás 10:00 horas un grupo de ciclistas saíu en bicicleta dende a Casa da Cultura do Milladoiro cara Bertamiráns. A continuación, ás 10:45 horas, os participantes concentráronse no lugar de saída. Ás 11:00 horas, os ciclistas participantes saíron dende os arredores do centro deportivo A Telleira, en Bertamiráns.

Xincanas ciclistas e zumba
A esa mesma hora comezaron as xincanas ciclistas, que estiveron dirixidas aos nenos e nenas menores de 8 anos. Os rapaces e rapazas puideron participar en diferentes probas de habilidade para demostrar a súa destreza coa bicicleta. Tamén houbo, ás 12:15 horas, unha clase de zumba en familia a cargo dos monitores do Centro deportivo A Telleira.