Pestanas principais

Arredor de 150 persoas asistiron ao espectáculo O señor das dunas

Martes, 20 de novembro de 2012

[20-11-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este domingo pasado o espectáculo O señor das dunas, que se enmarca dentro de FalaRedes, o novo programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística. O espectáculo está baseado na literatura oral galega. O contacontos complementouse cunha ilustración feita con area. Os asistentes recibiron como agasallo un libriño cos contos que escoitaron. Este espectáculo contou coa presenza do alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Os nenos/as e as súas familias puideron gozar dun espectáculo que conta unha historia, ocorrida hai moitos anos, na que durante unha viaxe intercontinental un barco naufragou á altura da Costa da Morte. As correntes mariñas arrastraron a un vello bibliotecario ata a praia de Corrubedo. Alí comezou a contar contos tradicionais, que acompañaba e enriquecía con debuxos feitos con area.

Dende Corrubedo, o señor das dunas está viaxando por diferentes vilas galegas. O domingo pasado estivo en Ames, para contarlle cinco contos populares galegos aos nenos e nenas amienses. Ademais, mentres se vai narrando o conto unha persoa vai facendo unha ilustración con area.

Todos os asistentes recibiron un pequeno libro que recollen as cinco historias contadas no espectáculo, para que tamén eles se convertan en fontes de coñecemento e espallen a cultura e a lingua galega aos máis pequenos.