Pestanas principais

Arredor de 130 persoas xuntáronse no monte San Marcos para gozar dunha “Noite de Estrelas”

Sábado, 09 de xullo de 2016

[09-07-2016] O Concello de Ames organizou unha observación astronómica que tivo un gran éxito de participación. Arredor de 130 persoas subiron o pasado martes, 5 de xullo, ata o monte de San Marcos para contemplar as estrelas acompañadas de dous astrónomos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC. As persoas participantes aprenderon o funcionamento dun planisferio e identificaron distintos tipos de constelacións, planetas e estrelas. Esta actividade estivo organizada pola concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, que entre outras cousas se encargou das inscricións e de poñer un servizo de autobús para ir ata o Monte de San Marcos.

O monte San Marcos converteuse este pasado martes nun observatorio espacial natural. En torno a 130 veciñas e veciños inscribíronse na “Noite de estrelas”, actividade organizada polo Concello de Ames e que contou coa colaboración do observatorio Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela. O público foi moi diverso, coa presenza de nenas e nenos e persoas adultas. Para facilitar a asistencia dos inscritos/as, o Concello de Ames habilitou un servizo de autobús que trasladou aos participantes ata o monte de San Marcos, e que os levou de volta para casa ao remate da actividade. A maioría dos veciños e veciñas empregou este servizo de autobús.

Como estaba previsto, ás 22:30 horas, os autobuses chegaron á base do monte. Na cima agardaban os astrónomos do observatorio Ramón María Aller, Pablo Campo e José Ramón González. Cando o grupo alcanzou o alto do monte a luz do día aínda non desaparecera por completo e adicáronse a buscar os planetas Marte e Xúpiter, ben á vista. Un telescopio apuntou a Xúpiter ao longo de toda a noite, para que os participantes o visen máis de preto.

Ambos astrónomos entregaron, por grupos, lanternas pequenas e planisferios celestes. Campo e González explicaron como empregar estes mapas do ceo, compostos por dúas esferas, unha fixa cun mapa e unha segunda, superposta e móbil. Movendo a superposta, indicando o mes, día e hora na que unha persoa se atopa, obtense unha franxa do mapa que se corresponde co ceo no momento indicado. Coa axuda dos planisferios e dos punteiros láser de ambos astrónomos o grupo mergullouse na busca de constelacións, estrelas e planetas.

Observación de constelacións, planetas e estrelas
As primeiras constelacións en ser atopadas foron as máis coñecidas polo público: a Osa Maior e a Osa menor. A Estrela Polar tamén foi rapidamente localizada. A continuación, os astrónomos guiaron, a través dos seus punteiros, ao grupo polo resto das constelacións. Os mitos e lendas que inspiraron moitas delas, nomeadas xa na Antiga Grecia, tamén foron relatados: os símbolos do horóscopo Virgo, Escorpión e Leo foron observados, pero tamén Hércules, o cisne ou a coroa boreal. Os e as participantes aprenderon que aqueles puntos brillantes no ceo que non titilan son os planetas, mentres que os que si o fan son estrelas. Distinguiron o brillo dos avións do dos satélites, e do sinal que emite a Estación Espacial.

Á 01:00 o autobús levou ao grupo de volta á casa, pero o programa TODOCOSMOS non remata con esta actividade. Proximamente publicaranse as datas de dúas observacións astronómicas con telescopio que se realizarán no Milladoiro e en Bertamiráns. O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.

Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2016, e no que participan así mesmo os concellos de Allariz, Ames, Boqueixón, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo, Vedra e Vila de Cruces, así como a empresa Óptica Val.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Observación astronómica no monte San Marcos"