[26-04-2016] Este sábado pasado o pavillón municipal de Bertamiráns acolleu unha xornada de kárate infantil na que participaron rapaces e rapazas de clubs de Ames, Santiago de Compostela, Padrón e Boiro. Esta actividade, que se enmarca dentro da programación deportiva trimestral do Concello de Ames, estivo organizada polo Club deportivo kárate Ames. Tratouse dunha xornada participativa e de convivencia entre os nenos e nenas dos clubs deportivos participantes. O obxectivo foi ofrecer unha alternativa ás competicións e torneos.
O presidente do CD Karate Ames, Javier García, destaca que “o obxectivo que se perseguía organizando esta primeira xornada de kárate infantil interclubs cumpriuse sobradamente. Con esta xornada buscouse que os rapaces e rapazas se puxeran en contacto, deixando os clubs nos que sempre adestran, sen a idea de fondo da competición sempre presente. Deste xeito, os participantes nesta iniciativa divertíronse e gozaron practicando kárate durante toda a tarde do sábado”.
Nesta xornada de karate infantil interclubs participaron arredor de 100 karatekas pertencentes ás categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil. Os rapaces e rapazas estiveron divididos en dous grandes grupos: benxamíns e alevíns por un lado, e infantís e xuvenís polo outro, para adaptar os exercicios de quecemento e técnicos ás idades dos participantes. Os e as adestradores/as dos clubs da comarca tamén participaron nesta actividade.
Ao remate do adestramento os e as participantes ofreceron mostras do traballado nos dous tatamis instalados. No primeiro benxamíns e alevíns realizaron en parellas exercicios de kata, mentres que os maiores participaron en breves combates de kumite. Os combates e exercicios de kata estiveron supervisados por árbitros, pero non se deron puntuacións para eliminar o concepto de competición dentro desta xornada.
Ao final do evento os rapaces e rapazas recibiron unha medalla por participar nesta primeira xornada de karate infantil interclubs. Os encargados de facer entrega destas medallas foron a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, e mailo concelleiro do grupo municipal de Ciudadanos, Javier López.






