Pestanas principais

Arredor de 100 rapaces e rapaza do CEP de Ventín visitaron a Casa do Concello para coñecer máis de preto o seu funcionamento

Mércores, 15 de marzo de 2017

[15-03-2017] Catro grupos de cuarto de educación primaria do CEP de Ventín achegáronse ata a Casa do Concello para coñecer máis polo miúdo o funcionamento dos plenos, o traballo que realizan os edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. O pasado mércores, 8 de marzo, estiveron no salón de plenos dous grupos e rapaces e rapazas e hoxe visitaron o salón de plenos outros dous grupos. Arredor de 100 nenos e nenas deste centro de ensino participaron nun pleno escolar no que lle puideron presentar diversos rogos e preguntas ao goberno municipal. Esta actividade enmárcase dentro da programación anual deste colexio.

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e mailo concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, recibiron ao grupo de alumnos/as no salón de plenos. O rexedor municipal foi o encargado de explicarlles aos rapaces e rapazas a diferencia entre un pleno ordinario e un extraordinario, así como quen se sentan en cada unha das cadeiras do salón de plenos. Deste xeito, coñeceron que no Concello de Ames hai sete grupos políticos con representación na corporación municipal e que o último xoves de cada mes se celebra un pleno ordinario.

Despois desta explicación, o alcalde propuxo a realización dun pleno escolar no cal os rapaces e rapazas puideron expresarlle aos membros do goberno municipal varios rogos e preguntas. O alumnado fixo varias propostas e preguntas para dispor de máis zonas verdes, sobre a construción do novo centro de saúde, a limpeza do pavillón polideportivo, a execución dun carril bici e a posibilidade de dispor de parques para cans. Todas estas cuestións referíronse á localidade do Milladoiro.

Esta actividade, que se enmarca dentro da programación anual deste colexio, complementa a formación recibida nas aulas. Nas últimas semanas os escolares estiveron tratando nas aulas o funcionamento das entidades locais e o sistema de elección dos gobernos. Tamén están coñecendo máis polo miúdo o padrón e o censo municipal. Para darlle continuidade a esta aprendizaxe, hoxe pola mañá, dous grupos de alumnos/as de cuarto de educación primaria do CEP de Ventín visitaron a Casa do Concello de Ames. Outros dous grupos fixeron esta mesma visita a semana pasada.