Pestanas principais

Arredor de 100 persoas participaron nos obradoiros de informática do primeiro semestre de 2011

Mércores, 29 de xuño de 2011

[29-06-2011] Xornadas para iniciarse na Internet, un curso de iniciación a Windows e Word, un obradoiro para descubrir o entroido na rede, un curso de iniciación as folla de calculo Microsoft Excel e un obradoiro de realización de presentacións co programa OpenOffice Impress son algunhas das actividades que a Aula de Informática do Milladoiro ofertou durante o primeiro semestre de 2011. Nestes obradoiros participaron arredor de 100 usuarios/as repartidos en grupos de mañá e tarde. Durante estes seis meses tamén se organizaron unhas xornadas de iniciación á Internet para os membros de JUPEMI, o Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro e un obradoiro de informática para os usuarios/as da Escola Integral de Maiores. Entre o 1 de xullo e o 12 de agosto ofrecerase o servizo de Aula Aberta en horario de mañá, de 10:00 h. a 13:00 horas.

A Aula de Informática do Milladoiro está a disposición de todos os veciños/as que desexan ter acceso a un ordenador para consultar o correo electrónico, ler os xornais dixitais ou levar a cabo diferentes actividades do seu interese. O principal obxectivo deste servizo é inserir a veciñanza amiense na sociedade da información. A Aula de informática acolleu unha serie de obradoiros que se programan de forma trimestral, agás nos meses de verán que funciona exclusivamente como Aula aberta en horario de mañá de 10:00 a 13:00. Estes obradoiros e xornadas destínanse a sectores poboacionais establecidos por idade.

Normalmente, os obradoiros dispoñen de 40 horas en sesións de dúas horas de luns a venres, e outras de sete horas e media, de hora e media diaria ao longo da semana. As actividades de adultos fanse en horario de mañá pensando, por exemplo, naquelas persoas que poidan aproveitar o tempo dos fillos no colexio, e de tarde para os nenos e nenas, aproveitando a fin da xornada escolar.

As actividades e cursos que se realizaron este ano foron unhas xornadas de iniciación á internet en xaneiro e abril para persoas adultas, un curso de iniciación aos programas Windows e Word durante o mes de febreiro e o obradoiro 'Descobre o entroido na rede' en marzo, que estivo dirixido a rapaces entre os 7 e os 10 anos.

Durante o segundo trimestre do ano, ademais das xornadas de iniciación á internet, organizouse un curso de iniciación ás follas de calculo Microsoft Excel e un obradoiro de realización de presentacións co programa OpenOffice Impress, para nenos/as de entre 8 e 12 anos. Este último obradoiro realizouse durante o mes de xuño. Nestas xornadas os nenos/as aprenderon a usar o programa OpenOffice Impress para realizar presentacións. Como actividade de repaso elaboraron un conto no que puideron aplicar todos os coñecementos adquiridos ao longo das xornadas. O último día, ensináronlle aos seu pais/nais o traballo feito no curso.

Ao conxunto dos obradoiros asistiron arredor de 100 persoas, sendo as de maior éxito as xornadas de iniciación á internet de xaneiro e abril, o curso de iniciación aos programas Windows e Word e o curso de iniciación ás follas de calculo Microsoft Excel, que reuniron arredor de 80 persoas. Os cursos teñen unha duración de 40 horas e ofértanse dúas quendas, unha de mañá entre as 10:00 h. e as 12:00 h. e outra de tarde entre as 19:00 e as 21:00 horas. Ao remate entregouse un certificado de asistencia ás persoas que acudiron a clase de xeito regular.

Ademais, realizáronse unhas xornadas de iniciación á internet para os membros do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) e un obradoiro de alfabetización dixital para a Escola de maiores. Este último consistiu na realización dun obradoiro básico para que os maiores se achegaran ao mundo da informática no que poder descubrir a cantidade de información que podemos obter para actividades da vida diaria como ler xornais, pedir cita para o médico de cabeceira ou buscar receitas de cociña. Tamén realizaron algunhas actividades co procesador de textos Word.

Servizo de Aula Aberta

Por outra banda ofrécese o servizo de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, do que poden facer uso dos ordenadores todas as persoas que estean empadroadas no concello. Durante os meses de verán este servizo cambia de horario. Deste xeito, entre o 1 de xullo e o 12 de agosto ofrecerase en horario de mañá, de 10:00 h. a 13:00 horas. Posteriormente, entre o 13 de agosto e o 14 de setembro a aula de informática do Milladoiro permanecerá pechada por vacacións do persoal.

Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Os usuarios/as poden daquela empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cien amienses acudieron desde enero a los talleres de informática"
El Correo Gallego: "Talleres de informática en O Milladoiro"