[13-06-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este martes a obra de teatro Luces de Tolemia, que está representando o grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo por toda a comarca de Santiago de Compostela. A esta representación asistiron arredor de 100 veciños e veciñas amienses, entre os que se atopaban a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Deportes e Tempo Libre, Manuel Ferreiro, a concelleira de Xuventude, María González, e o concelleiro do grupo municipal popular Alfonso Rey. Esta mesma obra representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o próximo martes, 19 de xuño, ás 18:30 horas. A entrada para ver esta peza teatral será de balde. Poderase acceder ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro ata completar aforo.


O director da obra de teatro, Lucas Herrador, indicou que “cada vez que se inicia un proxecto teatral é conveniente preguntarse por que queres representar esa obra de teatro e non outra. Nós con esta adaptación, máis que libre, de Luces de Bohemia, queremos dar uns apuntamentos sobre a sociedade actual. A misión da arte é mostrar as carencias, acertos e debilidades que temos os seres humanos, Luces de Tolemia, é unha boa escusa para iso. Previo á obra achéganse uns apuntamentos sobre a vida de Valle-Inclán”.
Lucas Herrador tamén quixo agradecer o traballo de todas as persoas que participan nesta obra de teatro. “Foi para min un pracer traballar todo este tempo no psiquiátrico. Penso que a arte dramática válelle á persoa para responsabilizarse nun proxecto común, superar dificultades, melloras habilidades sociais, aumentar a súa autoestima, sacar a actitude crítica. Quizais xente máis estudosa que eu poida completar a lista, pola miña banda creo que non son poucas cousas e estas e outras moitas, conseguímolas a través dos anos. Non con todos, pero si cun bo número de persoas. Moitas grazas a todos os que me permitiron formar parte deste proxecto” apuntou Herrador.

A programación teatral do mes de xuño comezou este martes 12 de xuño coa representación de Luces de Tolemia a cargo do grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo. Esta obra baséase no texto Luces de bohemia de Ramón María del Valle-Inclán, publicado en 1920 e revisado e reeditado en 1924. Esta obra non se estreou en España ata 1970. Luces de bohemia é unha das pezas máis importantes do autor e con ela Valle-Inclán inaugura un novo xénero teatral denominado esperpento.
O reparto de Luces de Tolemia está composto por María Castro, José María Varela, Samantha Romero, Joaquín López, Susana Amor, Almudena González, Isaura Blanco, Manuel Varela, Isabel Outeiral, Carmen Cabrera e Fernando Botana. A dramaturxia e dirección corre a cargo de Lucas Herrador, mentres que da produción encargáronse La Caixa e o Hospital psiquiátrico de Conxo. Como axudantes de dirección traballaron Susana Mirás, Teresa Santos e José Luis Seoane (terapeutas ocupacionais). Esta mesma obra de teatro será representada o martes 19 de xuño, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.





