[19-11-2015] Esta mañá comezaron as V Xornadas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, baixo o título “Acércate á igualdade”. O acto de inauguración correu a cargo da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, da secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e do deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira. Estas xornadas, que se desenvolven este xoves 19 e venres 20 de novembro, están divididas en tres grandes bloques nos que hai charlas de diferentes profesionais, obradoiros e mesas redondas. Esta iniciativa pecharanse mañá coa charla O valor da diferencia, que será impartida por Fernando Romay, ex-xogador do Real Madrid e da selección nacional de baloncesto.
A igualdade é un valor de estado
Susana López Abella tamén salientou que “a igualdade é un valor de estado e a violencia de xénero é un asunto de estado. Para alcanzar unha sociedade máis xusta e cun maior desenvolvemento económico e social, a igualdade de oportunidades non ten que estar só nas nosas leis, senón que teñen que estar nos nosos fogares, nos nosos centros educativos, nas nosas organizacións e sobre todo, nas nosas accións. A violencia machista constitúe o máis cruel expoñente da falta de igualdade que aínda existe na nosa sociedade, e un dos ataques máis fragrantes aos dereitos fundamentais das persoas como son a liberdade, a igualdade, a vida, a seguridade, e a non discriminación. Todos os poderes públicos temos a obriga de tomar as accións necesarias para garantir estes dereitos fundamentais”.
Por último, a secretaria Xeral de Igualdade pediu a “unidade de todas as administracións; Concellos, Deputacións e Xunta de Galicia, tal e como están representadas nesta presentación, para acabar coa violencia de xénero. Os datos de violencia de xénero son tan preocupantes como arrepiantes. Máis de 1.000 mulleres foron asasinadas en España dende o ano 1999, dos cales 57 casos sucederon en Galicia. Para acabar con esta lacra existen diferentes mecanismos. Temos unha rede de casas de acollida, un centro de emerxencias de Vigo e o centro de recuperación integral de Vigo. Ademais, existen moitos outros recursos e medidas de protección como poden ser o servizo de asesoramento xurídico online, o dispositivo Atenpro, que é un servizo teléfono de atención e protección para as vítimas de violencia de xénero, o servizo Biogen, e o teléfono da muller 900 400 273”.
As xornadas divídense en tres bloques
Estas xornadas divídense en tres bloques. O primeiro bloque, no que se impartiron tres charlas e unha mesa redonda na mañá do xoves, centrouse na igualdade. Este xoves pola tarde desenvolverase o segundo bloque das xornadas. Neste caso impartiranse un total de seis obradoiros diferentes. O terceiro e último bloque está especialmente deseñado para o alumnado dos centros educativos do Concello de Ames. Este bloque desenvolverase entre as 9:00 e as 14:00 horas do venres 20 de novembro.
A xornada do venres comezará coa charla ¿E ti quen es? O peso do xénero na nosa construción como persoas dentro da comunidade, que será impartida por Teresa Moure Pereiro, mestra titular de Lingüística na Universidade de Santiago de Compostela e escritora. A continuación, intervirá Silvia Pérez Freire, socióloga experta en xénero, docente e escritora, así como investigadora da Universidade de Vigo, que ofrecerá a charla ¿Que é ser home e ser muller nos mundos de hoxe? Análise dos adolescentes como consumidores de medios de comunicación, música, publicidade redes, etc.
A terceira charla da mañá denominada Convivir vs Coincidir: Estratexias para unha convivencia positiva será impartida por Aixa Permuy Martinez, educadora e investigadora do Seminario EXDEHU (Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano) do ICE da USC. Estas xornadas pecharanse coa charla O valor da diferencia, que será impartida por Fernando Romay, ex-xogador do Real Madrid e da selección nacional de baloncesto. Actualmente, é membro da asociación de xogadores do Real Madrid de baloncesto.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destacou que “estas xornadas están adicadas a Carmen Feteira, antiga concelleira do Concello de Ames e que faleceu recentemente. Carmen Feteira foi unha muller extraordinaria, pioneira no feminismo galego, compañeira, primeira concelleira de Igualdade do Concello de Ames e unha persoas á que temos que agradecer moito do traballo feito en prol das políticas socias do noso concello”.
Luísa Feijóo continuou dicindo que “ideamos unha xornadas que pretenden sensibilizar e promover a igualdade entre homes e mulleres, e a erradicación da violencia de xénero a diferentes niveis, pensando sobre todo en facer un formato aberto e accesible a toda a cidadanía. Por iso o fixemos dividíndoo en tres bloques. Creamos diferentes espazos xa que desde o Concello cremos que para conseguir a igualdade real e efectiva temos que acercala a todo o mundo, e promover entre a poboación os valores que rechacen a violencia de xénero.”
Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Dende a organización calculan que nestas xornadas van participar arredor de 360 persoas, entre adultos e mailos alumnos/as dos centros educativos municipais. A programación destas xornadas recolle diferentes conferencias para profesionais e outras sesións destinadas a educadores, adolescentes, pais, nais e outros organismos relacionados coa igualdade de xénero.
En representación da Deputación da Coruña asistiu o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, que incidiu en que “hai que seguir traballando e seguir avanzando. Segue sendo necesario o compromiso de toda a sociedade para erradicar esta lacra. Xa está ben, son moitas mortes de mulleres as que levamos, xa son 48 no que levamos de ano e é unha lacra que non se pode permitir. Polo tanto, as administracións públicas temos que ter un compromiso moi forte para poñer ferramentas nas mans dos profesionais, das administracións locais, as que están máis cerca dos cidadáns, para poñer ese gran de arena que nunca será suficiente para erradicar esta lacra”.
A quenda de intervencións das autoridades pechouna a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, que en primeiro lugar felicitou ao Concello de Ames pola súa organización, “pois vendo o extenso e completo programa, unha faise unha idea de que seguro van a ser moi produtivas para todos e todas, e como non, valorar moi positivamente a calidade dos e das poñentes que participan nesta xornadas, pola súa traxectoria profesional”.





