Pestanas principais

Arrancan hoxe as I Xornadas de Coeducación Rural, Ecofeminismos e Diversidades

Venres, 30 de setembro de 2016

[30-09-2016] Este venres dan comezo ás I Xornadas de Coeducación Rural Ecofeminismos e Diversidades organizadas pola Nova Escola Galega coa colaboración do Concello de Ames. O pazo da Peregrina acolle durante tres días palestras e obradoiros en torno á diversidade, ás violencias baseadas no xénero ou as formas en que o rural foi sendo colonizado e agredido. Isabel Álvarez Fernández e Ángel Amaro Quintás farán uso das ferramentas de aprendizaxe colectiva, como o xogo de roles ou o videofórum, para impartir estas xornadas.

Os días 30 de setembro e 1 e 2 de outubro o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle membros do profesorado, docentes no eido non formal, animadores e animadoras sociais, estudantado ou a persoas vinculadas a asociacións culturais e LGTBIQ. Eles e elas participarán estes días nas I Xornadas de Coeducación Rural, Ecofeminismos e Diversidades que organiza a Nova Escola Galega, con sede no Milladoiro, coa colaboración do Concello de Ames.

As xornadas articúlanse en catro bloques, a desenvolverse ao longo dos tres días que durará o curso. O primeiro xira en torno ás diversidades afectivas, familiares, sexuais e amatorias. O segundo leva o título “Máis alá da coeducación urbana: o ecofeminismo entra nas aulas”. O terceiro bloque tratará as violencias baseadas no xénero e a violencia identitaria. O bloque que pecha estas xornadas ofrecerá propostas teórico prácticas para “dinamizar a pedagoxía emancipatoria no rural”.

A tarde deste venres, día 30 de setembro, adicarase por enteiro ao primeiro bloque. Trala entrega do material e das presentacións comezarase coa palestra “Espectro sexoafectivo: identidades, vivencias e realidades minorizadas”. Despois dunha pequena pausa para o descanso continuarase co obradoiro “A sexodiversidade no rural”.

No sábado 1 de outubro desenvolveranse o bloque dous pola mañá e o terceiro pola tarde. O día comezará coa palestra “Aspectos básicos da coeducación rural e achegas dende o transfeminismo, o ecofeminismo e o feminismo comunitario”, que complementará o obradoiro “Ecofeminismos para principiantes. Logo do xantar a tarde xirará en torno ao bloque tres. Ao longo desta desenvolveranse a palestra “A interseccionalidade das violencias patriarcais”, o obradoiro “Micromachismos e violencias patriarcais nas contornas rurais” e rematarase co veideoforum “Aprendendo dos activismos do sur”.

O derradeiro día destas xornadas de coeducación adicarase ao bloque catro e ás conclusións. Pola mañá, nunha palestra, abordaranse as aplicacións das epistemoloxías do sur global no rural. As persoas asistentes aprenderán a deseñar e elaborar materiais pedagóxicos propios. Tralo xantar a tarde reservarase para falar, debater e poñer en conxunto todo o aprendido, compartindo en grupo as conclusións ás que cada participante chegou.