Pestanas principais

Arranca unha fin de semana máxica no Concello de Ames con espectáculos, obradoiros e a Gala Máxica Internacional

Venres, 25 de outubro de 2019

Despois de toda unha semana repleta de espectáculos infantís para máis de 3.000 escolares nos distintos centros de ensino do concello, chega unha fin de semana cargada de maxia. As Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns acollerán diferentes eventos do XIV Festival de Maxia de Ames, como o espectáculo “Momentos Máxicos co Mago Rafa”, obradoiros e varios pases da Gala Máxica Internacional.

No día de hoxe, venres 25 de outubro, terá lugar o primeiro dos espectáculos máxicos. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle ás 18.00 horas “Momentos Máxicos co Mago Rafa”. Unha actividade que está dirixida a un público familiar, con nenos de 6 anos en adiante. Aínda quedan dispoñibles as últimas entradas na billeteira electrónica do Concello. Teñen un prezo de 2 euros para os maiores de 18 anos e 1 euro para os menores de idade.

Mañá sábado, 26 de outubro, desenvolverase o primeiro dos obradoiros máxicos, con Joshua Kenneth. Está programado de 11.00 a 12.00 horas da mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para inscribirse nas últimas das 25 prazas, é necesaria á inscrición no número de teléfono 981 535 940, dende o día 21 ata o 25 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 22.00 horas.

Asemade, o domingo 27 haberá outro obradoiro na Casa da Cultura do Milladoiro, desta vez da man de O Mago Paco. O horario será o mesmo que o anterior e tamén é necesaria a inscrición para poder participar.

Gala Internacional de Maxia
Como todos os anos, o prato forte desta décimo cuarta edición do festival será a Gala Internacional de Maxia. Como novidade, este ano haberá catro pases para que ninguén quede sen poder asistir como en ocasións pasadas. Participarán as magas Magica Gilly e Gaia Elisa Rossi e os magos Dani Polo e Xulio Merino, e estará presentada por Pepín Banzo.

Así, o sábado 26 haberá dúas sesións, unha ás 17.30 horas e outra ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Mentres que o domingo 27 desenvolveranse outras dúas sesións no mesmo horario que o sábado, pero desta vez na Casa da Cultura do Milladoiro.

En canto a cada un dos espectáculos da gala, o da famosa maga Gaia Elisa Rossi é un dos máis sorprendentes da gala, realizando unha crítica ós estereotipos da sociedade a través da maxia. Outro prato forte é Xulio Merino, que realizará grandes trucos de maxia con esponxas, ou Magica Gilly, cun espectáculo máxico “sen barreiras”. Con respecto a Dani Polo, actuará cun número novo, con maxia de gran formato gracias a espectáculos de pirotecnia e iluminación.

Cómpre destacar o éxito que ten todos os anos esta Gala, para a que xa se encontran esgotadas todas as entradas de venta anticipada. Aínda así, existe un 10% de entradas reservadas para comprar na billeteira de maneira presencial, para todos aqueles que non queren quedar sen asistir ao internacional espectáculo de maxia.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Fin de semana máxica no Concello de Ames"

Cartel XIV Festival de Maxia de Ames