Pestanas principais

Arranca a terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames

Xoves, 05 de decembro de 2019

Esta mañá presentouse no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, o único certame de cine dirixido a público infantil e familiar de Galicia. Organizado polo Concello de Ames co apoio da Deputación da Coruña, desenvolverase do 11 ao 15 de decembro, alternando os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro. Durante tres días proxectaranse máis de 50 curtametraxes de todo o mundo, realizarase un taller de stop motion, mesas redondas, poderanse ver curtas do FICBueu, e haberá unha festa de vídeoclips.

O acto de presentación do III Festival Internacional de Cine Infantil de Ames correu a cargo do primeiro tenente de Alcaldía, David Santomil, da concelleira de Cultura, Natividade González, do deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xosé Xurxo Couto Rodríguez, do responsable da empresa Patio de Luces Producciones SC, Diego Ruíz Hernández, e do director de produción do Festival, Juan de Castro. O alcalde de Ames, Jose Miñones, non puido asistir por enfermidade. Ademais, entre o público asistente estiveron arredor de 20 alumnos/as de 5º curso do CEIP Agro do Muíño e varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno.
 
Durante o acto de presentación, ademais da intervención dos presentes, realizouse unha proxección do tráiler do festival e da curta “Un día en el parque”, curtametraxe nomeada a mellor curta de animación na pasada edición dos premios Goya.

O primeiro tenente de Alcaldía, David Santomil, explicou que “conxugando dous factores como que Ames é o concello máis xoven de Galicia e a intención de impulsar o sector audiovisual obtivose como resultado a creación deste festival. Neste festival proxectaranse curtas de todo o mundo. Isto vainos permitir aprender moito de diferente lugares do mundo”. Santomil tamén agradeceu a colaboración económica da Deputación da Coruña.

O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xosé Xurxo Couto Rodríguez, indicou que “este é un evento moi importante porque o que se está facendo é crear o gusto polo cinema do público máis novo e iso tamén vai influír no gusto pola lectura e pola cultura en xeral. Estamos encantados de que proxectos como este se leven a cabo, e que se organicen en concellos coma Ames, no que hai unha gran cantidades de nenos/as e mozos/as”.

A concelleira de Cultura Natividade González, dixo “sentirse moi orgullosa da posta en marcha da terceira edición do festival de cine infantil porque é algo máis que cine.  É unha ferramenta educativa na que se van abordar distintos valores como a diversidade, sustentabilidade medioambiental, compromiso coa lingua, etc. Trátase de que os rapaces e rapazas de Ames traballen dende unha perspectiva audiovisual diferentes temas que abordan nas aulas dos colexios”.  

Programación do III Festival Internacional de Cine Infantil
Ao igual que en pasadas edicións, a oferta está composta por unha selección de curtas nacionais e internacionais divididas en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenos e nenas a partir de dous anos, e Buxainas, para aqueles que xa teñan os sete anos. Premendo nesta ligazón podes descargar o catálogo do III Festival Internacional de Cine Infantil do Concello de Ames.

Ademais desta selección oficial a concurso, a programación complétase con actividades pensadas para estimular o gusto polo cinema nos nenos e nenas ao tempo que se quere incentivar a creación de cine para a infancia. Nesta liña, contarase con sesións específicas para escolares, unha mesa redonda, obradoiros, sesións musicais e proxeccións complementarias.

O responsable da empresa Patio de Luces Producciones SC, Diego Ruíz Hernández, deu conta dalgunhas das novidades deste ano do festival. “Este ano contaremos cunha selección de curtas dun festival amigo como é o FicBueu. Ademais, o público seguirá sendo participe do festival porque terá que votar polas mellores curtametraxes”. Ademais, destacou que este ano haberá dous concursos, a través dos cales se poderán conseguir  camisetas do festival. Nun dos concursos haberá que encher unha papeleta achegando algunha idea para elaborar unha curtametraxe, mentres que no segundo concurso haberá que facer algunha fotografía relacionada co cine e co festival. Entregaranse 15 camisetas en cada un dos concursos.

O director de produción do Festival, Juan de Castro, explicou algunhas das actividades que se van a desenvolver no festival. “O festival comezará cunha mesa redonda sobre o audiovisual e mailas TIC como ferramentas educativas. Proxectaranse máis e 50 curtas, entre elas haberá moitas galegas, e ademais, entre as curtametraxes, haberá videoclips con cancións en galego para bailar. Tamén haberá un taller, que impartirá Fernando Cortizo, para saber como se fai un filme con bonecos de plastilina. O xurado estará composto por Fernando Cortizo, Belén Sousa e Eva Mejuto”.

Actividades do 11 ao 15 de decembro
As actividades comezan o mércores día 11 de decembro, cunha mesa redonda sobre “A importancia do audiovisual e as TIC como ferramentas educativas”. Desenvolverase ás 19.00 horas na Aula 4 da Casa da Cultura do Milladoiro.

Xa o venres 13 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da cultura de Bertamiráns, realizarase a sesión inaugural “Cancións e trebellos do Cé Orquestra Pantasma”, coa posterior sección oficial de curtas de Buxainas. Esta sesión inaugural é de entrada gratuíta.

Posteriormente o sábado 14, na Casa da Cultura de Bertamiráns, realizaranse durante todo o día diversas proxeccións. Comezase ás 12.00 horas coa sección de curtas “Criaturas Salvaxes I” de Axóuxeres, seguindo as 12.45 horas coa sección “Pequenas aventuras” de Buxainas. Pola tarde, ás 17.00 horas, hai unha sesión oficial de Axóuxeres, seguida ás 17.45 dunha sección oficial de curtas de Buxainas. Para rematar o día, ás 18.45 horas haberá un pase de curtas da produtora Oqo xunto coa proxección da longametraxe “O pequeno mago”, ás 19.30 horas.

Como colofón final ao festival, o domingo 15 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro terán lugar diversas proxeccións. Empezan ás 12.00 horas con “Criaturas Salvaxes 2” e proseguirá coa “Festa dos Videoclips Galegos”. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, proxectaranse curtas do festival do concello de Bueu “FicBueu”, para proseguir ás 18.00 horas coa clausura e entrega de premios aos gañadores do festival.

Talleres de stop motion
O sábado 14 e o domingo 15 de decembro tamén se desenvolverán talleres de stop motion, para que os nenos e nenas de 7 a 12 anos aprendan a facer as súas propias películas. A animación stop motion non só é unha ferramenta fantástica para que a rapazada poida expresarse e desenvolver a súa imaxinación. Ao tratarse dunha técnica totalmente artesanal e multidisciplinar, permítelles explorar diversos campos como son o modelado, a pintura, fotografía, escritura e por suposto, a imaxinación.

Desta maneira, o sábado 14 desenvolverase o taller na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 15 na Casa da Cultura do Milladoiro, ambos en horario de 11.00 a 12.00 horas.  Para inscribirse pódese chamar ao 981 535 949 ou enviando un correo a cultura@concellodeames.gal.

Venta de entradas
O prezo das entradas ás sesións é de 2 euros para maiores de 18 anos e 1 euro para os menores, e pódense conseguir na billeteira electrónica do concello. Existen tres sesións gratuítas, que son a inaugural, a de clausura e a “Festa dos Videoclips Galegos”. Aínda así, é preciso retirar entrada para todas as sesións, sexan ou non de balde.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames proxecta 50 curtas no único festival infantil galego"

Imaxe da presentación do Festival internacional de cine infantil de Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Festival internacional de cine infantil de Ames
  • Imaxe da presentación do Festival internacional de cine infantil de Ames
  • Imaxe da presentación do Festival internacional de cine infantil de Ames
  • Imaxe da presentación do Festival internacional de cine infantil de Ames
  • Cartel do Festival internacional de cine infantil de Ames
  • Embedded thumbnail for