Pestanas principais

Arranca o programa de inclusión social no que participan 21 menores da aldea amesá de Castiñeiro do Lobo

Mércores, 28 de xaneiro de 2015

[28-01-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, Eugenia Martín, acudiron onte ao inicio do programa de inclusión social dirixido ás familias de Castiñeiro do Lobo. Técnicos, monitores e persoal do Concello, que se encargan de desenvolver este proxecto, tamén asistiron á presentación desta iniciativa na que participan 21 nenos e nenas de entre 4 e 13 anos de idade. As sesións, de carácter educativo e deportivo, desenvolveranse ata o mes de xuño, de luns a venres, no local social de Augapesada e no campo de fútbol desta aldea amesá.

O rexedor local agradeceu ás familias de Castiñeiro de Lobo “o seu interese por participar nun programa municipal posto en marcha en colaboración coa entidade bancaria La Caixa”. Amor expresou o desexo de “celebrar ao remate do curso o éxito das actividades deportivas e de reforzo educativo que se van desenvolver”. Así mesmo o alcalde agarda que este programa teña unha continuidade e poida repetirse o vindeiro curso.  

Este proxecto naceu para facilitarlle ferramentas ás familias que viven en difíciles condicións e ofrecerlles unha alternativa de ocio -ao mesmo tempo que educativa- aos máis pequenos do fogar. Os luns e venres haberá deporte, de 16:30 a 18:30 horas, no campo de fútbol de Castiñeiro de Lobo, mentres que os martes e xoves, de 17:00 a 19:00, e os mércores, de 16:30 a 18:30 horas, impartirase apoio escolar e actividades extraescolares. As sesións impárteas unha técnico educativa, un monitor deportivo, unha traballadora do Concello e dúas voluntarias da Oficina de Voluntariado de Ames.  

Financiamento do proxecto  
A concelleira de Benestar Social, Eugenía Martín, explicou que este proxecto nace grazas a unha axuda de 5.000 euros concedida pola Obra Social “La Caixa” a través da cal se lle dá continuidade ao proxecto desenvolvido durante o curso 2012-2013 que tivo unha alta participación. Segundo Martín, “pretendemos darlle unha estabilidade a este proxecto que será de grande axuda para a integración dos rapaces na escola e noutros ámbitos e ademais potenciará a súa formación física e intelectual”.  

Por outra banda, as nais dos nenos e nenas participantes indicaron “que este programa serve para que os seus fillos estean máis entretidos xogando e ao mesmo tempo aprendan e melloren nos seus estudos”. Ademais, explicaron que “a través destas actividades foméntase que os rapaces e rapazas se relacionen e saían da casa para practicar deporte e participar en actividades de manualidades”.  

Esta acción finánciase con fondos municipais e cunha achega de 5.000 euros da Obra Social “La Caixa”. Para iso o Concello de Ames asinou un convenio de colaboración coa entidade bancaria co obxectivo de loitar contra a pobreza infantil e a exclusión social en Castiñeiro do Lobo.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Comienza el programa de inclusión social para 21 menores amienses"
El Correo Gallego: "Política social amiense: integración en Castiñeiro y refuerzo educativo"