Pestanas principais

A área recreativa de Tapia convértese na alternativa aos areais galegos durante o verán

Xoves, 25 de agosto de 2011

[25-08-2011] Todos os anos durante a época estival a área recreativa de Tapia convértese nun punto de referencia non só para a cidadanía de Ames se non que tamén para todos os veciños e veciñas da comarca de Santiago de Compostela, que buscan un lugar onde poder refrescarse e relaxarse durante os seus momentos de lecer. Deste xeito a área recreativa de Tapia preséntase como unha alternativa ao mar e aos grandes areais da costa galega onde todos os bañistas poden tomar un baño e deitarse ao sol. Ademais esta área acolle numerosas actividades deportivas e culturais durante os meses de verán como son o servizo de Bibliopiscinas, a Travesía a nado ou o Descenso do Tambre.

Durante o verán aparte de area, sol e mar existen moitas outras opcións para gozar e divertirse. Unha desas alternativas é a área recreativa e fluvial de Tapia. A auga ten un papel fundamental no concello de Ames, asentado en boa parte no val do río Sar, atravesado por unha multitude de regatos e bordeado ao norte polo río Tambre. Por todo isto, Ames é un lugar de excepción para coñecer a flora e a fauna propia da ribeira dos ríos, paisaxes idílicos aínda por descubrir.

Aproveitando o caudal do río Tambre, dende o ano 1982 está funcionando a área recreativa de Tapia co fin de ser unha alternativa as costas galegas durante o período estival. Nun primeiro momento só existía a zona de baño da praia fluvial pero posteriormente construíronse os vestiarios. Despois duns anos funcionando acondicionouse de novo toda a área recreativa tirando os antigos vestiarios e construíndo uns novos, ademais de levar a cabo o resto de instalacións que existen na actualidade.

Pero esta área recreativa non só serve para refrescarse e deitarse ao sol porque ofrece moitas outras posibilidades. Neste lugar pódese gozar das instalacións de piragüismo das que dispón o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, que en colaboración coa Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado está levando a cabo diferentes cursos de iniciación ao piragüismo durante os meses de xullo e agosto. Os nenos e nenas de 8 a 14 anos que están iniciándose neste deporte asisten as clases os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 h. a 18:00 horas.

Tamén se pode gozar da beleza das súas paisaxes realizando unha ruta de sendeirismo polos arredores deste lugar. Ademais hai zonas habilitadas para merendar con bancos e mesas e para poder facer de xantar. Un xeito distinto de saír cos amigos e pasar un momento agradable nos momentos de lecer.


15.000 metros cadrados para divertirse

A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Alí podes encontrar unha praia fluvial para tomar un baño e escapar da calor do verán, pero para os nenos e nenas que encontren demasiado fría a auga do río tamén se poden refrescar na piscina. A separación do caudal do río está formado por un muro de pedra que crea unha poza ideal para darse un refrescante baño na época estival. Deste modo, baixo a mirada atenta dos socorristas, os bañistas poden escoller entre o lado do embalse onde a auga está máis tranquila e amarran as piraguas, que é o máis concorrido, ou a zona onde o río discorre naturalmente e forma unha pequena praia.

Para os máis aventureiros, se van por un pequeno camiño que hai á dereita (tomando como referencia o río) chegarían a unha liana da que moitos botan man para saltar á auga. E de buscar soidade, camiñando un pouco máis chegarase a unha zona onde hai un pequena illa no medio do río e as pedras se amorean ao seu redor facendo diminuír o nivel da auga dese tramo e formando o que a veciñanza de Tapia chama "As Illas".

Son moitas as persoas que se achegan ata esta área recreativa porque ademais de dispor dunhas instalacións en magnífico estado tamén hai unha ampla zona destinada a aparcadoiro. Isto é un factor determinante a hora de acudir a este lugar porque dispón dun aparcadoiro seguro onde deixar o teu vehículo.

Para todos aqueles que queiran xogar ou estar a sombra tamén hai un espazo para eles porque esta área dispón dunha zona de céspede onde todos os cativos, e os non tan cativos, poden xogar a pelota ou aos naipes e por suposto tamén poden estar deitados a sombra baixo algún dos carballos ou castiñeiros que hai neste lugar.

O termo municipal de Ames é un lugar de excepción no cal podemos atopar paisaxes naturais de gran beleza. A área fluvial de Tapia é un deles onde ademais de atopar todos os servizos que xa mencionamos con anterioridade tamén hai un muíño que lle aporta un encanto especial a este lugar. Este muíño non funciona pero serve para albergar comidas de grupos de amigos que como xa dixemos anteriormente se achegan ata este lugar para xantar nun espazo aberto e natural.

E se o teu punto forte é a cultura, despois da visita ao muíño da área recreativa de Tapia e dun mergullo refrescante, pódese gozar de diversos monumentos que hai ao redor. O exemplo máis claro é a igrexa de San Cristovo, situada en Frenza na parroquia de Tapia. A igrexa data de 1.778 e, no seu interior, agocha un retablo de 1.719 da virxe do Carme con columnas salomónicas características do Barroco. San Cristovo de Tapia tamén chama a atención polos seus fermosos cruceiros, tres en Frenza e outros dous en Vilouta.


Actividades culturais e deportivas

A área recreativa de Tapia é un dos lugares onde se levan a cabo durante os meses de xullo e agosto as actividades de animación á lectura. A biblioteca municipal de Ames organiza durante os meses do verán diversas actividades para animar os amienses a gozar da lectura. Unha desas actividades son as bibliopiscinas, que deron comezo o 4 de xullo, e que se levan a cabo nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e na praia fluvial de Tapia. Ademais de gozar da lectura, tamén se celebran contacontos e obradoiros destinados aos máis pequenos da casa. Os nenos e nenas non son os únicos beneficiarios deste programa, xa que tamén hai libros para mozos e mozas e para adultos, así como a prensa diaria.

Ademais de albergar clases de piragüismo este lugar acolle diversas probas deportivas como a décimo sexta edición da Travesía a nado que tivo lugar o 31 de xullo e na cal se impuxo Óscar Alonso Gato. Outra das probas que se organizou no río Tambre foi o Descenso do Tambre que se disputou o pasado 14 de agosto. Preto de 250 padexeiros de 13 clubs de toda Galicia participaron este ano na XXVI edición do descenso do Tambre. Cómpre destacar que o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre de Ames conseguiu o segundo posto na clasificación xeral por equipos no circuíto da praia fluvial de Tapia.