Pestanas principais

A área recreativa de Tapia acolleu a celebración da Festa da Natureza na que houbo música, obradoiros, contacontos e unha ruta ambiental

Luns, 30 de xuño de 2014

[30-06-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, celebrou este domingo, 29 de xuño, a Festa da Natureza. Este ano esta celebración contou coa colaboración da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), que celebrou o décimo aniversario do Proxecto Ríos. A celebración desta festa desenvolveuse durante todo o día na área recreativa de Tapia. Dende a organización calculan que houbo unha media de 60 persoas durante toda a xornada e na andaina ambiental participaron arredor de 30 persoas. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, e o concelleiro de educación, Bernardo Moar, tamén participaron nesta celebración.

Este ano o Concello de Ames e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) celebraron de xeito conxunto a Festa da Natureza e o décimo aniversario do Proxecto Ríos. Durante toda a xornada deste domingo, 29 de xuño, a área recreativa de Tapia acolleu o desenvolvemento destas festa na que houbo actividades ambientais e culturais, así como moita música e diversión. Moitos nenos/as e adultos achegáronse ata este lugar para gozar dunha xornada en familia e pasar un día entretido. Dende a organización calculan que houbo unha media de 60 persoas durante todo o día. Produciuse un fluxo constante de xente que ía e viña. Outras persoas pasaron todo o día en Tapia.

As actividades comezaron arredor das 12:00 horas cunha andaina circular ambiental polas beiras do río Tambre e polo lugar de Oca na que participaron un grupo de 30 persoas. Esta andaina, que tivo unha dificultade baixa, estivo dirixida a todos os públicos, tanto aos nenos/as coma aos adultos. Antes de xantar houbo un espectáculo de maxia a cargo do mago Cagabolas. Unha vez rematado este espectáculo celebrouse un xantar popular. De seguido, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, que celebrou o décimo aniversario do Proxecto Ríos, convidou a café e bica a todos os asistentes. Esta degustación estivo amenizada polo trío de corda Xonxas.

Xa pola tarde desenvolvéronse varias actividades. Primeiro, desenvolveuse un obradoiro de pegadas. Neste obradoiro os participantes empregaron diferentes moldes de escaiola para reproducir varias pegadas de animais que viven nas beiras do río Tambre. Deste xeito, intentouse que os participantes se familiarizasen cos estes animais do ecosistema fluvial. Ademais, houbo unha exposición de moldes de escaiola con diferentes pegadas de animais. Ao mesmo tempo houbo un obradoiro de cestería, que tivo un gran éxito e que se desenvolveu ao longo de toda a tarde. Ademais, ás 18:00 horas, houbo un contacontos a cargo de Anxo Moure.

Outra das actividades que se desenvolveron pola tarde foi a do Proxecto Ríos. Os membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) realizaron unha demostración do proxecto Ríos, que consistiu en avaliar a calidade ambiental en varios tramos do río Tambre. Tratouse dunha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos.

Obradoiro de baile tradicional e concerto de Follas Novas
A festa pechouse cun obradoiro de baile tradicional e cun concerto a cargo do grupo amiense Follas Novas. Neste caso os participantes aprenderon diferentes pasos de baile e despois puxéronos en práctica durante o concerto que ofreceu este grupo de Ames. Ademais, de todas estas actividades a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia instalou na área recreativa de Tapia unha exposición de fotografías na que se recolleron as diferentes actividades desenvolvidas no Proxecto Ríos polos voluntarios/as que colaboran con esta entidade. Tamén houbo varios acuarios con invertebrados, un stand para facerse fotos, stands de comercio xusto de Equisol e Cousas da Terra, e un posto de venda de produtos derivados das avellas, así como de xoguetes artesanais.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames se da un nuevo chapuzón divulgativo en la Festa da Natureza"