Pestanas principais

A área recreativa de Tapia acolle este sábado a festa de peche das biblioposcinas

Venres, 30 de agosto de 2013

[30-08-2013] Este sábado, 31 de agosto, remata unha nova edición do servizo municipal de bibliopiscinas cunha gran festa na que haberá xogos, inchables e festa da espuma. Esta festa, que está organiza polo Concello de Ames a través da Concellaría de Educación, está dirixida a todos os nenos e nenas que empregaron este servizo durante as tardes de verán tanto nas piscinas descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns coma na praia fluvial de Tapia. Este servizo ofreceuse durante os meses de xullo e de agosto e está sendo empregado por un gran número de nenos/as e adultos. Tan só durante o pasado mes de xullo máis de 5.300 persoas empregaron este servizo.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, preparou un amplo programa de actividades para a festa de clausura das bibliopiscinas. A área recreativa de Tapia acollerá o peche dunha nova edición deste servizo municipal. A partir das 17:00 horas haberá todo tipo de actividades lúdicas como un obradoiro para pintar a cara, globoflexia, xogos tradicionais (petanca), xogos con paracaídas, e xogos con globos de auga.

Ao mesmo tempo, os nenos e nenas que se acheguen ata a praia fluvial de Tapia poderán entreterse xogando nos inchables que estarán instalados nesta zona. Pero a actividade estrela da tarde será a festa da espuma, que se desenvolverá entre as 17:30 h e as 18:30 horas. Os xogos estarán organizados segundo a idade dos participantes.

Todas estas actividades están organizadas polo Concello de Ames a través da Concellaría de Educación. Os xogos estarán supervisados e serán realizados por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargou de desenvolver o servizo de bibliopiscinas durante os meses de xullo e agosto. Cómpre salientar que este servizo está sendo impartido por persoal amiense que forma parte da empresa Vagalume.

Alta participación de nenos/as e adultos
Este servizo ofreceuse durante os meses de xullo e de agosto e foi empregado por un gran número de nenos/as e adultos. Segundo os datos recollidos nas bibliopiscinas, un total de 3.050 persoas, tanto adultas como nenos/as, empregaron durante o mes de xullo este servizo. A este total habería que engadirlle as persoas que participaron nos obradoiros e contacontos, que foron 2.263 persoas (a maioría deles nenos e nenas).

É coñecida a importancia de acostumarse á lectura e por iso o Concello de Ames impulsa iniciativas coma a das bibliopiscinas para que os nenos e nenas asocien a lectura non só coas horas de estudo, senón tamén coas de lecer. Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas puideron gozar de contacontos que fixeron voar as súa imaxinación durante este verán.

Este servizo que o Concello de Ames prestou un ano máis está dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estiveron abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario é de luns a venres de 16:00 horas a 20:00 horas. En Tapia o horario é o mesmo, dende as 16:00 h ata as 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns están pechadas por descanso do persoal). Ademais, está aberto os días festivos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Tapia acolle este sábado a festa de peche das bibliopiscinas"