Pestanas principais

Arden 21 hectáreas e media de monte en Bugallido

Mércores, 05 de agosto de 2020

Un incendio forestal declarouse na tarde de onte na zona de Mourigade e Buceleiras, na parroquia amesá de Bugallido, e chegou até o lugar de Tarrio onde o muro dunha parcela e os corta lumes armados polas brigadas de extinción lograron frealo. Medios humanos, terrestres e áreos, entre os que cómpre destacar 14 axentes, 22 brigadas, 11 motobombas, 1 pala, 6 avión e 6 helicópteros participaron nos traballos de extinción. O incendio deuse por controlado ao redor das 12 da noite e esta mañá Medio Rural confirmou a súa extinción.

O incendio declarábase sobre as 19:00 horas ao carón do lugar de As Buceleiras. Foi preciso cortar varias estradas locais: a de Guimaráns ás Buceleiras,  a DP-0205 a Tarrío e a paralela ao cruce da que vai a Biduído de Arriba.

Na extinción participaron 22 brigadas de bombeiros forestais, O Ges de Brión, efectivos da Policía Local de Ames, 10 voluntarios de Protección Civil, Policía Autonómica, Garda Civil e persoal de Urbaser. Ademais contouse con dous hidroavións, dúas avionetas, seis helicópteros e once motobombas dos servicios de extinción da Xunta.

O lume propagouse desde Buceleiras até Tarrio onde os cortalumes e o muro dunha parcela evitaron que seguise avanzando. Sobre as 12:00 da noite deuse por controlado o perigo de que puidese afectar ás vivendas, porén o incendio aínda permaneceu activo. Esta mañá, Medio Rural confirmou a súa extinción, así como a superficie queimada. As lapas arrasaron 21,5 hectáreas de monte, 18 delas de arborado e as 3,5 restantes de monte raso.

Previo a este lume declararase outro lume en Caroubáns, ao carón da estrada a Negreira, que foi collido a tempo. Emporiso causou danos na liña telefónica e deixou sen cobertura a centos de veciños e veciñas.

O alcalde de Ames, José Miñones,o concelleiros de Obras e Protección Civil, Blas García, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, e a responsable de Gabinete do Concello, Isabel González achegáronse ao lugar dos feitos e permaneceron até pasada a unha da madrugada cando a situación comezaba a estar controlada. Tamén se achegou a Tarrío o concelleiro e portavoz do PP, Ramón Argibay e Quique Costas, concelleiro de Ames Novo.

“Quero dar as grazas a todos os compañeiros e compañeiras da corporación que en todo momento estiveron pendentes e amosaron a súa dispoñibilidade para colaborar no que fose preciso”, declarou o concelleiro de Transición Ecolóxica Manuel Lens quen tamén fixo fincapé na importancia de “contar cun plan de prevención de incendios como o que temos que facilita e axiliza as actuacións de todos os responsables cando se producen sucesos como o de onte”. Manuel Lens gaba ademais o comportamento da veciñanza da zona que “pese ao perigo que estaban correndo e a ameaza de que as súas vivendas puidesen verse afectadas, mantiveron a serenidade e non houbo ningún episodio de nervios ou de histeria que puidese complicar os traballos”.

Pola súa banda, o concelleiro de Protección Civil, Blas García, declarou que "xa que a presencia de todos os medios, tanto materiais como humanos, fixo posible que o lume quedase nun susto". Resalta, ademais a importancia da colaboración e concienciación veciñal á hora de manter limpas as parcelas e respectar as distancias de seguridade fixadas pola lexislación actual".

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Un muro y los cortafuegos frenaron el fuego de Ames, que rondó varias casas"

El Correo Gallego: "Extinguido o incendio de Ames que calcinou 21,5 hectáreas en Bugallido"

Compostela 24horas: "O incendio de Bugallido queimou 21hectáreas"

Revista AmsGo: "O incendio de Bugallido deixou 21 hectáreas queimadas"

La Voz de Galicia: "Un incendio forestal en Ames arrasa más de 21 hectáreas de monte"

Un gran despliegue de medios humanos

Multimedia

  • Protección Civil de Ames tivo un gran papel na extinción
  • A ameaza ás casas controlouse antes da noite
  • Medios municipais e supramunicipais participaron na extinción
  • O incendio afectou a 21 hectáreas
  • Participaron avións, helicópteros, motobombs e hidroavións
  • Cortaronse algunas estradas locais