- Tematica
A Asociación Centro Cultura Mahía continúa este outono co ciclo Expertas de seu, unha proposta que pon en valor o talento e a mirada das creadoras galegas. O domingo 30 de novembro, ás 19:00 horas, o centro cultural de Bugallido (Ames) acollerá unha nova sesión dedicada integramente á recoñecida guionista Araceli Gonda, unha das voces máis destacadas do audiovisual galego contemporáneo.
A xornada inclúe a proxección do filme 18 comidas, dirixido por Jorge Coira, e cun guión que asinan Gonda, Coira e Diego Ameixeiras. A película é unha obra xa emblemática no cinema galego contemporáneo pola súa proximidade e polo seu retrato coral das emocións cotiás.
Tras a proxección celebrarase un coloquio conducido pola actriz e comunicadora Iria Sobrado, no que a convidada abordará o seu proceso creativo, as claves da súa traxectoria e a importancia de construír relatos e representacións que amplíen a presenza das mulleres no audiovisual e na cultura.
Esta segunda xornada de Expertas de seu inscríbese nun ciclo máis amplo que, ao longo de tres domingos, explora o vínculo entre feminismo, arte e galeguidade, a través de conversas íntimas e creación en directo. Tras a inauguración coa zoqueira Elena Ferro o pasado 23 de novembro, o programa pecharase o 14 de decembro cun arte-coloquio da música, escritora e produtora Cristina Pato.
O evento do domingo 30 de novembro é de entrada libre ata completar a capacidade, mantendo o espírito participativo e comunitario que caracteriza as actividades impulsadas pola Asociación Centro Cultural Mahía.
-Data: domingo, 30 de novembro, 19:00 horas (apertura de portas media hora antes).
-Lugar: centro cultural de Bugallido.
-Actividade: proxección de 18 comidas e coloquio con Araceli Gonda.
-Conduce: Iria Sobrado.
-Entrada: de balde, ata completar a cabida.







