[15-03-2017] Queres ser Youtubeir@?? Dende as concellarías de Mocidade e Normalización Lingüística animan á veciñanza amesá a participar nos obradoiros formativos de vídeo creación para participar no programa Youtubeir@s, que é un concurso de vídeos na Rede no cal se pode participar ata o 28 de abril de 2017. A través desta xornadas preténdese achegar formación sobre a vídeo creación para Youtube. Asemade, vaise fomentar a creatividade audiovisual para transmisión de saberes, animar á participación no concurso Youtubeir@s (cada participante creará e subirá á rede o seu propio vídeo), incrementar a presenza do galego nos vídeos da rede e incentivar o uso do galego entre a mocidade amesá.
O obxectivo principal que persegue este obradoiro é facilitar a participación no concurso Youtubeir@s, de xeito que os asistentes aprendan a sacarlle o máximo rendemento ás cámaras dos dispositivos móbiles e a contar ou transmitir de forma eficiente e entretida os nosos coñecementos ou opinións. Cada participante no obradoiro poderá crear e subir á rede o seu propio vídeo para participar no concurso de vídeos na rede Youtubeir@s (www.youtubeiras.gal). Esta actividade formativa está dividida en dúas partes que se desenvolverán nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro os venres 31 de marzo e 7 de marzo.
Estes obradoiros formativos terán unha duración de 3 horas presencias e unha semana de seguimento en liña entre a primeira e a segunda sesión. Cada participante terá o reto de crear un vídeo titorial ou unha vídeo opinión durante o obradoiro e de subir a súa creación á rede. Na primeira sesión veranse consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos dispositivos móbiles, aprenderase a mellor forma de contar os nosos coñecementos e ofrecerase asistencia en liña para calquera dúbida que poida xurdir ata a segunda sesión. Na segunda sesión editarase o material e aprenderase a subilo a Youtube.
Dúas categorías: vídeo-facermos e vídeo-opinarmos
Existen dúas categorías: video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade...). Valorarase o enxeño e a creatividade, a calidade técnica, a eficiencia comunicativa e a calidade lingüística. Repartiranse 6 premios (2 premios de 1.000 euros e 4 mencións honoríficas).




