[06-06-2011] Auga e verán son dúas palabras que casan moi ben. No Concello de Ames esta unión terá como resultado os cursos de natación que se desenvolverán por quendas nos meses de xullo e agosto. As persoas que o desexen poderán aprender a nadar ou a perfeccionar o seu estilo nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Hoxe ábrese o prazo para apuntarse nos cursos de xullo. Para participar nos cursos de natación do mes e agosto haberá que inscribirse dende o 11 ata 22 de xullo. Este programa deportivo pretende ocupar o tempo libre dos nenos e nenas durante as vacacións do verán ao tempo que aprenden a practicar un novo deporte.
Como peixes na auga. Así se sentirán as persoas que participen nas actividades que a Concellaría de Deportes deseñou no seu programa de verán e que se celebrarán nas piscinas descubertas municipais. A natación é unha das disciplina ofertadas para os meses de xullo e agosto. Os cursos de natación desenvolveranse en dúas quendas. O primeiro curso realizarase do 1 ao 29 de xullo e o segundo, do 1 ao 31 de agosto. Ambos os dous serán de luns a venres nas piscinas descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns.
Os rapaces e rapazas amienses poderán gozar da auga ademais de aprender a nadar, ou perfeccionar o seu estilo, durante as vacación de verán. As prazas ofertadas son 126 que se repartirán en diferentes horarios ó longo da mañá. Para os maiores de doce anos resérvanse 30 prazas e o seu curso impartirase de 10:30 h. á 11:15 horas. Os rapaces de dez a once anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h. ás 12:00 horas. Para esta franxa de idade tamén hai 30 prazas.
De 12:00 h. á 12:45 h. desenvolverase a terceira quenda na que se ofertan 30 prazas para os rapaces de oito a nove anos, e de 12:45 h. a 13:30 h. haberá vintecatro prazas dirixidas a nenos e nenas de entre seis a sete anos. A última quenda resérvase para os máis cativos, doce prazas para nenos e nenas que teñan entre tres e cinco anos, que se levará a cabo de 13:30 h. a 14:15 horas. Os horarios e os grupos de idade poderán sufrir algunha variación en función dos inscritos na actividade.
En canto ás inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) das 9:00 h. ás 14:00 horas. O prazo para apuntarse ao curso de xullo esta aberto dende hoxe ata o 23 de xuño. Para apuntarse no curso de agosto o prazo será do 11 ao 22 de xullo.
O prezo desta actividade é de 6 euros ou 3 euros a partir do segundo membro da unidade familiar. A documentación necesaria que hai que achegar é o impreso de solicitude cuberto e a fotocopia da tarxeta sanitaria. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.