Pestanas principais

Apúntate no obradoiro de postais ecolóxicas de Nadal que organiza a Aula da Natureza

Martes, 20 de decembro de 2011

[20-12-2011] Nas datas de Nadal, a xente tende a lanzarse ás librarías, papelarías e grandes centros comerciais a por algún elemento co que poder felicitar o Nadal aos seus achegados, sen pararse a pensar nas consecuencias que ten dar pulo ao consumo esaxerado. Por iso, e sen ánimo de ir contra a tradición das postais de Nadal, a Aula da Natureza organiza un obradoiro aberto a todos os públicos nos que as persoas interesadas poderán realizar as cartas de Nadal con elementos naturais como follas, pequenos paus, pedras, ourizos de castañas e todo tipo de elementos naturais. Este obradoiro celebrarase o vindeiro venres, 23 de decembro, en horario de tarde, das16:30 á 19:30 horas, nas instalacións da Aula da Natureza, situada na parroquia da Ameixenda. Os/as interesados/as deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 981 883 002 marcando a extensión 1312 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org

O obradoiro celebrarase o venres 23 de decembro entre as 16:30 h. e as 19:30 horas nas instalacións da Aula da Natureza, situada na parroquia da Ameixenda, e poderán acudir todos aqueles interesados/as na elaboración de postais ecolóxicas, sen límite de idade, dende os máis pequechos da casa ata os máis maiores. Os rapaces e rapazas poden acudir sos ou acompañados polos seus pais ou avós.

As persoas interesadas deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 981 883 002 marcando a extensión 1312 ou enviando un correo electrónico á Aula da Natureza. auladanatureza@concellodeames.org. O prazo de inscrición remata o venres día 23 ás 14:00 horas.

A actividade será totalmente gratuíta. A Aula da Natureza será a encargada de poñer os materiais naturais para a elaboración das postais -follas de diversas árbores e plantas, paus, pedras, ourizos de castañas, etc- así como os materias necesarios para a súa composición. Ademais, dende a Aula da Natureza levaranse diversos modelos de postais ecolóxicas que servirán de exemplo para os participantes, aínda que estes poderán crear novos modelos ao seu gusto e segundo as súas posibilidades (dependendo das capacidades e idade dos participantes).

Con esta actividade a Aula da Natureza pretende concienciar a cidadanía de que en lugar de lanzarse a comprar de forma case instintiva postais de papel, pódense elaborar con materiais naturais que todos temos á man e crear así unhas postais moito máis orixinais e que lles darán ás felicitacións de Nadal un toque moi persoal e natural, amosarán o compromiso coa natureza e darán a coñecer unha nova forma de reciclaxe.

Así pois, dende a Aula da Natureza animamos á cidadanía de Ames a participar neste obradoiro e a iniciarse en novas formas de reciclaxe, cada vez máis necesarias se queremos manter a riqueza natural do país.