Pestanas principais

Apúntate no curso de monitor de fútbol base que organiza a Federación Galega de Fútbol

Mércores, 05 de novembro de 2014

[05-11-2014] O Concello de Ames colabora na organización do curso federativo de monitor de fútbol base. Esta actividade está organizada pola Federación Galega de Fútbol e conta coa autorización da Real Federación Española de Fútbol. Este curso consta de 65 horas lectivas que, unha vez superadas, permitiralle aos asistentes adestrar equipos federados ata a categoría de cadetes. As clases impartiranse dende o luns 17 de novembro ata o venres 3 de xaneiro de 2015, no Pazo da Peregrina e no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. É importante que o persoal dos clubs de fútbol realicen este curso e obteñan este diploma, xa que de cara a temporada 2015-2016, esixíraselle a todas as persoas unha titulación mínima para poder adestrar a un equipo de fútbol. Premendo no enlace que está á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición no curso de monitor de fútbol.

As persoas interesadas en inscribirse neste curso deberán ser maior de 16 anos. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 14 de novembro. Esta actividade ten un custo de 150 euros. Ofértanse un total de 35 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Para realizar a inscrición as persoas interesadas deberán presentar unha fotocopia do DNI (anverso e reverso); dúas fotografías tamaño carné (co nome por detrás); o impreso de matricula cuberto; e o xustificante de pago dos 150 euros.

Esta documentación deberase enviar á dirección de correo electrónico escuelagallega@gmail.com (neste caso entregaranse as fotografías o primeiro día de clase). Outra opción é enviar a documentación á dirección de correo postal: Escola Galega de Adestradores, Federación Galega de Fútbol, rúa Menéndez e Pelayo 18, 2º, 15005, A Coruña. Tamén se pode entregar a documentación na delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol.

Para obter máis información poden poñerse en contacto co departamento de Deportes do Concello de Ames, chamando ao número de teléfono 981 884 991, coa Federación Galega de Fútbol no número de teléfono 981 12 17 86, ou chamando á delegación de Santiago marcando o número de teléfono 981 58 17 55.