[14-10-2016] A concellaría de Mocidade organizou unha nova edición do curso de inglés destinado a formar a alumnos/as para a realización do exame Preliminary English Test (PET-B1). O curso, dirixido a persoas de 16 anos en diante, empadroadas no concello de Ames e con coñecementos mínimos de inglés (ESO/BUP ou equivalente), celebrarase de novembro a maio nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. O prazo de inscrición estará aberto do 13 ao 24 de outubro. As prazas son limitadas ata un máximo de 30 (15 para Bertamiráns e 15 para Milladoiro). O curso terá un custe de 158 euros (suxeito a bonificacións e exencións). Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición para participar no curso de inglés.
O curso PET do Concello de Ames desenvolverase entre o 2 de novembro e o 31 de maio, cunha duración de 90 minutos diarios durante dous días á semana tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Nestas clases traballaranse as distintas destrezas requiridas para a proba, utilizando un libro de texto e material de reforzo e práctica do exame, facendo fincapé na parte oral do mesmo. O número máximo de alumnos é de 30 (ofértanse 15 prazas para Bertamiráns e outras 15 para Milladoiro), co obxectivo de que aproveiten as clases ao máximo, facendo, ademais, un seguimento regular da evolución de cada un con avaliacións trimestrais.
As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de entrada das solicitudes de inscrición no rexistro xeral. Para desenvolver o curso será preciso contar cun mínimo de 10 alumnos/as. En caso de non cumprirse este requisito, o Concello de Ames, poderá anular dita actividade, polo que se procederá á devolución íntegra da matrícula efectuada polo alumno/a. As clases celebraranse os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que no Milladoiro serán os luns e mércores. En ambas localidades as clases impartiranse en horario de 20:00 a 21:30 horas.
O prazo de inscrición estará aberto do 13 ao 24 de outubro. A solicitude realizarase cubrindo a ficha de inscrición dispoñible na páxina web www.concellodeames.gal e na OMIX de Ames. O impreso debe entregarse nos rexistros municipais axuntando a copia do DNI e do título de ESO, BUP ou equivalente e a documentación acreditativa da condición de familia de especial consideración e/ou necesidade do certificado para estudos oficiais, de ser o caso.
Este curso ten un custo de 158 euros, podendo se o desexa o alumno facer o pago íntegro nunha única cota ou fraccionalo en dous prazos (primeiro prazo de 100 euros, unha vez confirmada a praza, antes do 4 de novembro; e segundo prazo de 58 euros, antes do 9 de decembro). O aboamento da cota farase na conta bancaria ES73 0182 2374 24 0011500078 en BBVA, indicando nome e apelidos do participante e o concepto da actividade (inglés PET).




