Pestanas principais

Apúntate na segunda edición da Andaina-Carreira da Familia que se celebrará o sábado 23 de xuño no Milladoiro

Sábado, 16 de xuño de 2018

[16-06-2018] A segunda edición da Andaina-Carreira da Familia celebrarase o sábado, 23 de xuño, a partir das 11:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. O evento solidario, que está organizado polo Concello de Ames a través da Concellaría de Deportes, destinará o diñeiro recadado mediante as inscricións á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Esta iniciativa tamén está promovida polo club de atletismo MillaRaio e pola Federación Galega de Atletismo. As persoas interesadas en participar nesta andaina-carreira poden inscribirse, ata o vindeiro xoves, 21 de xuño, ás 23.59 horas, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com

A carreira-andaina da familia 2018 é un actividade organizada polo Concello de Ames a través da Concellería de Deportes. Consistirá nunha carreira e andaina a pé que se celebrará xunto cun programa de actividades no cal tomarán parte asociacións e clubs do Concello de Ames. Deste xeito, ao longo da mañá haberá unha festa benéfica con DJ, inchables, baile, animación, obradoiros, premios e un sorteos. En definitiva, haberá actividades lúdicas para toda a familia.

Así, a II Andaina-Carreira da Familia comezará ás 11:00 horas coa entrega de dorsais. O evento tamén terá actividades paralelas de ocio que se levarán a cabo na rúa do Buxo, (aparcamento da Travesía do Porto) a carón do Centro Comercial Novo Milladoiro. A participación estará aberta a todo o mundo e este ano para animar a máis familias tamén se poderá participar cunha andaina con participantes de calquera idade. Os participantes menores de 10 anos deberán ir obrigatoriamente acompañados dun adulto. A xornada rematará cun sorteo de agasallos e a entrega de premios.

A participación será individual ou en familias monoparentais ou de máis integrantes, compostos por avós/avoas ou pai/nai e fillos/as. Toda a recadación do día irá destinada a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), unha asociación sen ánimo de lucro que nace en 2012 para contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias. As persoas interesadas en participar desta II Andaina-Carreira da Familia poden inscribirse, ata o vindeiro xoves, 21 de xuño ás 23.59 horas, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Picando nesta ligazón podes acceder directamente ao apartado de inscricións.

O prezo da inscrición é de 5€ por participante adulto (ata o 18 anos) e de 2€ por participante menor de 18 anos (ata os 8 anos). O diñeiro recadado será doado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Ademais, na propia páxina web de Carreiras Galegas tamén existe a opción “Dorsal O”, destinado a aquelas persoas que queiran colaborar ou doar diñeiro á asociación, sen ter que participar da carreira.

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG)
A asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (https://asanog.org/wp/) é unha asociación sen ánimo de lucro que desde o ano 2012 contribúe a mellorar o estado das nenas e nenos oncolóxicos, e máis das súas familias, en Galicia. As súas iniciativas inclúen a organización de diferentes programas como poden ser o programa “Meu Ben” que consiste en dar información, orientación e asesoramento ás familias acerca dos recursos dos que dispón a Asociación, así como acerca dos recursos públicos ou privados aos que poden acceder para favorecer a súa calidade de vida.

ASANOG tamén desenvolve obradoiros para nais e pais, de musicoterapia e actividades de ocio e tempo libre para os nenos e nenas hospitalizados, que son organizadas de xeito que estes poidan participar sen estar condicionados por limitacións físicas ou horarios preestablecidos.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Andaina da Familia se celebrará el próximo sábado en Milladoiro"