Pestanas principais

Apúntate na primeira edición da Carreira da Familia que se celebrará o sábado 9 de setembro no Milladoiro

Sábado, 02 de setembro de 2017

[02-09-2017] A primeira edición da Carreira da Familia celebrarase o sábado, 9 de setembro, a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. O evento solidario, que está organizado polo Concello de Ames a través da Concellaría de Deportes, destinará o diñeiro recadado mediante as inscricións á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). As persoas interesadas en participar desta I Carreira da Familia poden inscribirse, ata o vindeiro 6 de setembro ás 23.59h, a través da páxina web www.emesports.es

A actividade central da I Carreira da Familia será unha carreira “simbólica” de apenas tres quilómetros a través das rúas do Milladoiro. Alén diso, ao longo da tarde tamén haberá unha festa con DJ, inchables, animación, obradoiros, premios e un sorteo. Así, a I Carreira da Familia comezará ás 17:00 horas coa entrega de dorsais e unha bolsa regalo na carpa da organización. Posteriormente, comezarán as actividades cunha sesión de música, animación e baile, seguida dunha sesión de quecemento grupal previa á Carreira da Familia. Após a carreira, terán lugar máis actividades lúdicas que incluirán inchables e diferente xogos. A xornada rematará cun sorteo de agasallos e a entrega de premios.

A participación será individual ou e en familia e, para as gañadoras e gañadores, haberá diferentes premios (por orde de chegada á meta): á familia máis numerosa, á avoa ou avó de máis idade, á primeira ou primeiro en chegar á meta individualmente, á primeira familia de dous integrantes, á primeira de tres, á primeira de catro e á primeira de cinco (cuxos membros deberán chegar todos ao mesmo tempo nestes casos).

As persoas interesadas en participar desta I Carreira da Familia poden inscribirse, ata o vindeiro 6 de setembro ás 23.59h, a través da páxina web www.emesports.es. O prezo da inscrición é de 5€ por participante adulto e de 2€ por participante menor de 18 anos. O diñeiro recadado será doado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog). Ademais, na propia páxina de emesports tamén existe a opción “Dorsal O”, destinado a aquelas persoas que queiran colaborar ou doar diñeiro á asociación, sen ter que participar da carreira.

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG)
A asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (https://asanog.org/wp/) é unha asociación sen ánimo de lucro que desde o ano 2012 contribúe a mellorar o estado das nenas e nenos oncolóxicos, e máis das súas familias, en Galicia. As súas iniciativas inclúen a organización de diferentes programas como poden ser o programa “Meu Ben” que consiste en dar información, orientación e asesoramento ás familias acerca dos recursos dos que dispón a Asociación, así como acerca dos recursos públicos ou privados aos que poden acceder para favorecer a súa calidade de vida. ASANOG tamén desenvolve obradoiros para nais e pais, de musicoterapia e actividades de ocio e tempo libre para os nenos e nenas hospitalizados, que son organizadas de xeito que estes poidan participar sen estar condicionados por limitacións físicas ou horarios preestablecidos.

Durante a presentación da carreira, a vicepresidenta da ASANOG quixo agradecer ao Concello a organización deste evento solidario: “Quero expresar en nome da Asociación o noso enorme agradecemento por este iniciativa e pola implicación do Concello. Agradecemos moito estas iniciativas pensadas como un evento familiar, porque nós tamén somos familias e nos chegan especialmente este tipo de eventos solidarios pensados para todas e todos”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O evento solidario Carreira da Familia celebrase o 9 na localidade do Milladoiro"