[06-03-2014] Aproveitando o bo tempo destes días o Concello de Ames, a través da Concellaría de Vías e Obras, está executando unha serie de traballos para acabar coas fochancas de varias estradas do municipio. Estes traballos executaranse entre hoxe e mañá en diferentes estradas das parroquias de Ames. Ademais, arranxaranse as fochancas existentes nos núcleos urbanos do concello. Na actualidade estanse executando os traballos que presentan unha maior urxencia. Nas vindeiras semanas continuarase co plan de mantemento das estradas municipais por outras zonas do municipio.
O tránsito diario dos vehículos supón un desgaste constante do pavimento das estradas. Co paso do tempo o firme vaise desgastando e empeza a presentar diversas fochancas que dificultan o tránsito. Ademais, este ano hai que engadir que o efecto dos temporais que asolaron Galicia deixou varios estragos nas vías amienses.
Coa intención de emendar estes danos a Concellaría de Vía e Obras esta desenvolvendo un plan de acondicionamento das estradas municipais. Aproveitando o bo tempo destes días, os operarios da brigada municipal, realizarán unha serie de traballos co fin tapar as fochancas que presentan varias estradas da zona rural e urbana do municipio.
Ata o de agora non se puideron executar estes traballos debido á intensa choiva que leva caendo durante os últimos tres meses. Agora, que comezou o bo tempo a Concellaría de Vías e Obras decidiu comezar a realizar estas obras de mantemento das estradas municipais. Tratase de traballos urxentes que é preciso realizar o antes posible. Deste xeito, entre hoxe e mañá os operarios da brigada municipal de obras taparán as fochancas de varias rúas dos núcleos urbanos e de diferentes vías que discorren polo rural amiense.
O proceso que seguen os operarios da brigada de obras para realizar estes traballos é moi similar. Primeiro limpan a zona da fochanca, despois aplican unha capa de asfalto, e finalmente, se é preciso, pasan un pisón.
Na actualidade estanse executando os traballos que presentan unha maior urxencia. Nas vindeiras semanas continuarase co plan de mantemento das estradas municipais por outras zonas do municipio. Deste xeito, intentarase acondicionar todas as estradas municipais que presentan algún estrago.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La brigada de Ames repara los viales más deteriorados"
El Correo Gallego: "Aproveitando o bo tempo a brigada de obras pon en marcha o plan de acondicionamento de vías"




