Pestanas principais

Apróbase unha instrución para a continuación dos prazos administrativos nos procedementos urbanísticos de licenzas e comunicacións previas

Xoves, 07 de maio de 2020

O goberno municipal, a través de decreto de Alcaldía, vén de aprobar unha instrución para a continuación dos prazos administrativos nos procedementos urbanísticos de licenzas e comunicacións previas asociadas ao desenvolvemento de actividades permitidas no marco actual do estado de alarma, intervención e disciplina urbanística. Dita instrución é unha interpretación da disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Esta disposición establece a suspensión de termos e interrupción de prazos na tramitación dos procedementos das entidades do sector público, e polo tanto, das administracións locais.

A través desta instrución o Concello de Ames levanta a suspensión de termos e prazos para dar continuidade á instrución, ordenación e, no seu caso, resolución daqueles procedementos administrativos de comunicacións previas de obras e actividades, que cumpran estes tres requisitos seguintes: que non estean incursas na suspensión da Orde SND/340/2020; que estean asociadas ao desenvolvemento dalgunha das actividade permitidas no marco do actual estado de alarma; e que concorran as circunstancias habilitadas como excepcións nos Reais Decretos 463/2020 de 14 de marzo e 465/2020 de 17 de marzo.

Tamén se levanta a suspensión de termos e prazos para dar continuidade á concesión de licenzas de obra e licenzas de apertura de actividades, que non estean suspendidas polo estado de alarma; que non estean incursas na suspensión de Orde SND340/2020 de 12 de abril; e que non concorran ás circunstancias habilitadas como excepcións nos Reais Decretos 463/2020 de 14 de marzo e 465/2020 de 17 de marzo.

Ademais, dáselle luz verde á tramitación de comunicacións previas de actividade ou licenzas de actividade, que non precisen da realización de obras para o seu desenvolvemento; que se trate dalgunha das actividade permitidas no marco do actual estado de alarma; e que concorran as circunstancias habilitadas como excepcións nos Reais Decretos 463/2020 de 14 de marzo e 465/2020 de 17 de marzo.

Vía libre á tramitación de procedementos administrativos urbanísticos
Por outra banda, levántase a suspensión de termos e prazos para dar continuidade á instrución, ordenación e, no seu caso, resolución daqueles procedementos administrativos de concesión de autorizacións demaniais de ocupación de solo asociadas aos puntos primeiro e segundo anteriores; así como daqueles procedementos administrativos de reposición da legalidade referentes a obras en curso de execución, ou a usos prohibidos pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; así como a calquera outro procedemento de reposición da legalidade nos que concorran as circunstancias habilitadas como excepcións nos Reais Decretos 463/2020 de 14 de marzo e 465/2020 de 17 de marzo.

Por último, dáselle vía libre á tramitación daqueles procedementos administrativos de ordes de execución por motivos de seguridade; e dos procedementos administrativos de declaración de ruína, cando esta sexa inminente.

Imaxe da Casa do Concello