Pestanas principais

Apróbase a reprobación do concelleiro de Educación e Cultura cos votos a favor de Ames Novo, Pacto x Ames, Partido Popular e Javier López e cos votos en contra dos membros do goberno municipal

Venres, 27 de xaneiro de 2017

[27-01-2017] Os grupos municipais da oposición (Ames Novo, Pacto x Ames, Partido Popular e o concelleiro non adscrito Javier López) aprobaron a reprobación do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. Este punto saíu adiante cos 12 votos a favor dos edís da oposición e cos 9 votos en contra dos membros do goberno municipal. Este texto foi aprobado tras aprobar os grupos propoñentes unha emenda feita polo grupo municipal de Ames Novo. Ademais, ao comezo do pleno, María Encarnación Santiago Hermo tomou posesión como nova concelleira do Partido Popular de Ames.

O pleno ordinario de xaneiro comezou coa toma de posesión de María Encarnación Santiago Hermo como nova concelleira do grupo municipal do Partido Popular de Ames. Esta persoa entra na corporación trala renuncia presentada por Alberto Piñeiro, que deixou a súa acta de concelleiro por motivos laborais.

O punto que máis debate creou nesta sesión plenaria foi a reprobación do concelleiro de Educación e Cultura, presentada polos concelleiros/as do grupo municipal de Pacto x Ames, do grupo municipal do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López. Este texto foi aprobado tras aprobar os grupos propoñentes unha emenda feita polo grupo municipal de Ames Novo. Ramón García Argibay explicou que “na exposición de motivos coinciden nunha parte moi ampla a proposta que presentamos os grupos municipais de Pacto x Ames, do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, coa emenda feita por parte de Ames Novo, polo que aceptamos dita emenda”.

Nesta moción os partidos da oposición criticaron que non se tivo en conta a mocidade, o comercio e o sector empresarial nas actividades programadas para o Nadal e máis concretamente coa celebración dos Reis, que se prescindira das empresas de Ames para o evento da Festa de Reis e que do total do presuposto empregado para esta actividade, máis da metade foi para unha empresa foránea. Outras criticas foron por non ser capaz de buscar unha saída para a Escola Municipal de Música, non actuar con transparencia na contratación dos obradoiros culturais, pola falta de diálogo coa comunidade educativa e pola deficiente xestión das bibliotecas municipais.

Intervencións a favor e en contra da moción de reprobación
O primeiro en abordar este asunto foi o concelleiro non adscrito, Javier López, que lle recriminou ao concelleiro de Educación e Cultura “a súa falta de credibilidade, a falta de entendemento coa comunidade educativa, as deficiencias na xestións das bibliotecas, a non realización dunha cabalgata de Reis e a non organización dun acto de homenaxe ao cronista oficial de Ames, Maximino Viaño”.

Por parte do BNG interveu a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, que destacou a xestión realizada por David Santomil durante o ano e medio que leva no cargo de concelleiro de Educación e Cultura. “Vostedes están centrándose no que ao seu xuízo fixo mal David Santomil, e eu vou destacar o que fixo ben: realizou xestións coa Xunta de Galicia para dotar o material e equipamentos que se viñan reclamando dende o IES do Milladoiro, así como para ampliar o CEIP Agro do Muíño e do IES de Bertamiráns; resolveu o problema de seguridade que existía no CEIP da Maía coa creación dunha nova dársena para os autobuses; puxo en marcha a Galiña Azul de Bertamiráns malia os problemas de saneamento, abastecemento e da conexións do edificio, elaborou o regulamento do Consello Educativo, executou obras de mantemento en todas as escolas aumentando un 50% o investido polo goberno anterior e incluíu dentro da RPT máis de 20 postos de traballadores da rede municipal de comedores".

“En cultura, puxo en marcha a aplicación da Billeteira; recuperou o Millarock; aumentou e mellorou a programación cultural e de animación á lectura das bibliotecas e estendeuno ao rural; impulsou un manual único de catalogación para todos os traballadores/as das bibliotecas. En materia de patrimonio está realizando as xestións oportunas para declarar A Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural (BIC), os traballos para a recuperación, limpeza e posta en valor dos petróglifos de Ames, etc. Todo este traballo creo que non é para reprobar, senón que merece un gran recoñecemento”, manifestou Isabel Vaquero.

O voceiro de Pacto x Ames, Ramón García Argibay, explicou que “o que motiva esta reprobación son a súa actitude autoritaria, o incumprimento de acordos plenarios, a súa actitude coa comunidade educativa e coa escola municipal de música, cos obradoiros culturais, coa resolución da praza de conserxe do CEP de Ventín. Isto non é froito dun erro, xa que os erros se asumen e se comprenden. Trátase dun cúmulo de situacións durante estes últimos vinte meses”. Argibay tamén incidiu en que se apostou por empresas foráneas para organizar a Festa de Reis, en vez de contratar unha empresa que paga os seus impostos en Ames.

A voceira de Contigo Pódese, Genma Otero, cualificou esta reprobación como “un acto de irresponsabilidade e un ataque inxustificado e mal intencionado. Somos tres forzas, pero traballamos de xeito conxunto. Cantos máis esforzos fagades e tempo dediquedes en tentar romper este grupo de goberno, máis unidos estaremos”. A concelleira de Economía e Facenda defendeu “a limpeza e legalidade da contratación das empresas encargadas da Festa de Reis, tal e como calquera pode comprobar, pois está publicado no web de transparencia do Concello, como os demais contratos menores, transparencia que iniciou este goberno".

De seguido, interveu a voceira do grupo municipal Ames Novo, Pilar Candocia, que explicou que “non presentamos unha emenda porque non estábamos de acordo en ir en contra das tradicións católicas. Ese para nós non é o problema, senón que a critica que facemos é sobre a resposta que se deu sobre o asunto da Festa de Reis. Vostede contestou dunha maneira soberbia e prepotente. É un problema de actitude. Nós optariamos por facer unha cabalgata, porque Ames ten costumes urbanas. A maior equivocación foi a resposta que lle deu a veciñanza. Trátase de facer pobo e de axudar ao sector hostaleiro”.

O voceiro do grupo municipal socialista, Blas García, tamén destacou “a boa xestión feita polo compañeiro David Santomil durante este ano e medio que leva no goberno. Seguro que puido cometer erros, pero todos os cometemos. Durante este último ano a Xunta de Galicia investiu máis dun millón de euros na ampliación do IES de Bertamiráns e do CEIP Agro do Muíño, mentres que nos últimos catro anos non investiu nin un só euro. Iso será porque algo se está facendo ben. Esta reprobacion é un erro. Débennos reprobar a todos os membros do goberno, porque a decisión de non facer a cabalgata de Reis non foi só de David Santomil, foi do goberno. Somos un goberno que traballa unido”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dixo “se vostedes están gobernando deben facelo para as persoas de todo tipo de ideoloxías, entre elas a católica, e non aproveitar a Festa de Reis para facer unha festa de carnaval. A igual que nós moita xente non entendía o que se fixo, porque ou se fai unha festa de Reis ou unha festa de carnaval. Ademais, prescindiron da cabalgara. É certo que antes os Reis ían nun tren turístico e despois había unha recepción nos pavillóns, pero ese tren facía que os veciños e veciñas saíran á rúa e entrarán nos comercios, tomarán algo nos bares e restaurantes, e en definitiva que consumiran e gastaran no concello de Ames, e non provocaba que a veciñanza se fora a outros municipios limítrofes”.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradeceu as palabras dos seus compañeiros de goberno e mostrouse sorprendido ante esta reprobación “tanto polo fondo como pola forma. Non é seria e amosa falta de rigor político". Santomil incidiu en que “a programación de Nadal está elaborada de forma transversal por varios departamentos municipais, que é unha programación de cidade, extensa e de maior calidade que en anos anteriores. Na miña opinión creo que se trata dunha reprobación inxusta, sen fundamento e que só persegue o ataque persoal. Nós seguiremos a traballar día a día para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames, que son o noso principal obxectivo, non as liortas políticas”.

O rexedor municipal, José Miñones, explicou que “este ano para elaborar a programación de Nadal estableceuse unha liña de diálogo cos comerciantes do concello, tal e como o demostra a realización de varias actividades nas prazas e rúas do concello. Nós optamos por facer unha Festa de Reis e a xente coa que falamos quedou satisfeita. Porque para opinar hai que asistir ás actividade. E este ano, por primeira vez enchéronse os pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro, e despois de dita festa os veciños e veciñas quedaron alí falando mentres os seus fillos/as xogaban. Iso si que é facer pobo. De todo isto, quédome coa felicitación que nos trasladaron os veciños e veciñas”.

Ampliación do pavillón do Milladoiro
A corporación municipal aprobou por unanimidade a solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención nominativa por valor de 65.464,82 euros para sufragar a ampliación do pavillón do Milladoiro, que conta cun orzamento de 81.831,02 euros. Cómpre lembrar que no pasado pleno ordinario de novembro aprobouse o proxecto técnico desta obra e no pleno de decembro aprobouse unha corrección de erros que houbo que realizar no devandito proxecto.

Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a compatibilidade para exercer un segundo posto de traballo no sector público solicitado por unha traballadora municipal. Dita persoa superou un proceso selectivo dunha praza de profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela, polo que solicitou que lle sexa concedida autorización para compatibilizar ambas actividades. Tras recibir informe favorable do Reitorado da USC, o departamento de Secretaria tamén ditou un informe favorable no que se autoriza a compatibilidade da traballadora municipal co posto de profesora asociada a tempo parcial na USC. Finalmente, o Pleno deulle luz verde a dita solicitude.

Proposta do goberno municipal sobre reinvestimento do superávit
Por outra banda, o goberno municipal presentou unha proposta para o Goberno de España sobre medidas urxentes en materia de réxime local e reinvestimento do superávit. Solicítaselle ao goberno central que o Concello de Ames poida empregar o superávit co que conta, que neste exercicio alcanza os 1.788.937,81 euros, sen establecer restricións que impidan poder xestionar os recursos de xeito eficiente co obxectivo de atender as demandas dos veciños e veciñas. Asemade, tamén se pide que se poida empregar o remanente de tesourería positivo que é de 3.313.357,53 euros. Ademais, actualmente o Concello de Ames cumpre co nivel de débeda, que é do 19,32%, estando moi por debaixo do límite máximo do volume de débeda viva que está establecido no 110%.

Neste caso o grupo municipal do Partido Popular presentou unha emenda que non foi aceptada polo grupo propoñente. A proposta do goberno saíu adiante por maioría absoluta, cos votos favorables dos 17 concelleiros/as do grupo de goberno, Ames Novo, Pacto x Ames e do concelleiro non adscrito, mentres que os edís do partido Popular se abstiveron.

Moción para o control e eliminación do amianto
Tamén se tratou unha moción do grupo municipal de Ames Novo para a implantación de medidas para o control e eliminación do amianto. Esta moción foi aprobada por unanimidade. Nela solicítase que se elabore e publique un informe sobre a situación actual da xestión de residuos de fibrocemento recollidos polo servizo de limpeza ou brigada de medio ambiente e que o se elabore un inventario de inmobles públicos ou privados de uso público que conteñan amianto ou sexan susceptibles de contelas. No caso de existir algún inmoble que conteña uralitas con amianto, elaborar un plan urxente de actuación para a súa eliminación.

Outras peticións que se inclúen nesta moción son que se instale un servizo de recepción de residuos domésticos con amianto como se fai en moitas cidades, e no caso de non ser posible, incluír nos presupostos de 2017 unha partida orzamentaria para por en marcha unha serie de axudas económicas para os veciños que se vexan obrigados a realizar tarefas de desamiantado en edificios ou vivendas da súa propiedade; estudar a posibilidade de asinar convenios con empresas autorizadas na realización deste tipo de traballos; e que se poñan en marcha campañas de información á veciñanza sobre este asunto.

Moción ante a política laboral da empresa de transportes Hedegasa
Por último, o goberno presentou unha moción, por vía de urxencia, ante a política laboral da empresa de transportes Hedegasa. Nesta moción, que foi aprobada por unanimidade, esíxeselle a dita empresa a aplicación dunha política laboral que respecte os dereitos das traballadoras e que cese nas actuacións discriminatorias por razón de xénero. Tamén se lle insta a respectar a igualdade nas relacións laborais nos servizos de transporte público de viaxeiros que xestiona baixo concesión administrativa. Este acordo será trasladado á Dirección Xeral de Mobilidade, instando ademais a que inspeccione e tutele o cumprimento da legalidade en materia laboral e de igualdade de xénero nos servizos públicos concesionados a Hedegasa SL. A traballadora afectada, Nélida Pisco, estivo no pleno e agradeceu o apoio da corporación de Ames.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La oposición de Ames logra reprobar al concejal de Cultura por su gestión"