Pestanas principais

Apróbase a renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns

Venres, 13 de setembro de 2019

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña investirán 357.303 euros nas obras de renovación do campo de fútbol de Bertamiráns, dotándoo dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e dunha bancada máis cómoda para os espectadores. O convenio para cofinanciar ditos traballos foi aprobado hoxe no pleno da Deputación da Coruña. A Deputación achegará o 80% da contía total, 285.906 euros, mentres que o Concello de Ames porá o 20% restante, 71.397 euros.

O campo de fútbol de Bertamiráns acolle actualmente adestramentos e partidos oficiais de varios equipos locais, pero presenta un estado deficiente debido ao desgaste da fibra do terreo de xogo, con máis dunha década de uso. Debido a iso o goberno municipal fixo as xestións necesarias coa organización provincial para cofinanciar este proxecto que foi aprobado hoxe polo Pleno da Deputación.

Previamente, o convenio de colaboración foi aprobado na comisión de Deportes. Así, a Deputación financiará o 80% do proxecto cunha achega de 285.906 euros, mentres o Concello de Ames achegará o 20% restante, 71.397 euros.

Con este convenio, a Deputación e o Concello financiarán as obras de retirada do firme actual mediante un sistema sostible TurfMuncher que permita a súa reciclaxe ou reutilización e a instalación dun novo céspede de herba artificial de última xeración, que garante unha excelente función deportiva e técnica e que se instalará sobre unha superficie regular e previamente compactada.

O campo habilitarase para a práctica de fútbol 8 e fútbol 11, segundo os criterios regulamentarios da RFEF, e dotarase de novas porterías, redes e outro equipamento para a práctica do fútbol. Acometerase tamén a renovación do metacrilato dos bancos, dado o seu mal estado.

As obras inclúen tamén unha mellora na grada existente, onde se instalarán asentos plásticos, de fácil mantemento e limpeza, para facilitar unha maior comodidade dos espectadores que a asisten aos partidos.

Pistas de tenis de Aldea Nova
Por outra banda, o Pleno da Deputación aprobou o proxecto modificado da obra de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. Este proxecto está incluído no POS+  2018. A modificación deste proxecto foi aprobada previamente no pleno ordinario do pasado mes de maio.

Durante a execución das obras o director das mesmas informou que levando a cabo unha revisión do proxecto detectáronse dúas partidas que tiñan a medición equivocada, xa que foran cuantificados menos metros de superficie das pistas, aínda que nos planos do proxecto si estaban ben indicadas as superficies realmente correctas. As dúas partidas que se viron afectadas substancialmente estaban no capítulo de soleiras. As modificacións introducidas alteraron o orzamento de execución. Finalmente este proxecto tivo un custo de 72.105 euros.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “todas as melloras que se fagan nas instalacións deportivas existentes son moi necesarias debido á alta demanda de uso que teñen. Neste caso vaise a cambiar o céspede artificial do campo de fútbol de Bertamiráns, que xa ten máis de dez ano de uso, e era unha demanda do club que usa estas instalacións”. Respecto a execución das pistas de tenis comentou que “os proxecto novos que se están executando, neste caso xa están rematadas, son moi necesarios, xa que hai unha alta demanda de instalacións por parte dos/as usuarios/as”.

Ligazóns:

Lindeiros: "A Deputación cofinancia as obras a renovación do campo de fútbol de Bertamiráns"

Compostela 24 horas: "A Deputación cofinancia as obras a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Bertamiráns"

Apróbase a renovación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol de Bertamiráns