[27-04-2011] A Xunta de Goberno local vén de aprobar o proxecto técnico da obra de reforma da instalación eléctrica do campo de fútbol de Bertamiráns. Esta obra está incluída na terceira fase do Plan provincial de iluminación e outros complementos nos campos de fútbol municipais de herba artificial. O proxecto conta cun presuposto de 70.156,95 euros, dos cales 52.914,99€ serán sufragados por parte da Deputación Provincial da Coruña, e 17.241,96€ serán achegados pola Administración local. O obxecto deste proxecto é o de deseñar unha rede propia de electricidade para o alumeado e rego do campo de fútbol de Bertamiráns. No presente proxecto prevese a colocación dunha nova columna con cinco lámpadas, e unha lámpada engadida a cada unha das catro columnas existentes actualmente, así como o cambio de situación do cadro xeral que se moverá a un lateral da grada. Por último, as liñas das lámpadas protexidas por un interruptor térmico e un interruptor diferencial, cámbianse por un interruptor combinado que realiza as dúas funcións e ocupa a metade de espazo.
O Concello de Ames aposta polo deporte e para iso necesítanse instalacións en bo estado para poder realizar unha práctica deportiva en condicións óptimas. Así, a Xunta de Goberno local dá un paso máis cara a mellora do campo de fútbol de Bertamiráns e aprobou o proxecto técnico da obra de reforma da instalación eléctrica. Este proxecto inclúe a mellora do alumeado exterior e interior (vestiarios) do campo de fútbol e da alimentación do sistema de rega.
Actualmente na zona deportiva que engloba o pavillón polideportivo, a piscina municipal e os vestiarios do campo de fútbol, a iluminación e o sistema de rega, aliméntanse provisionalmente da acometida única que existe no recinto e parte do Centro de Transformación existente nun linde da parcela coa estrada. Esta alimentación provisional debe modificarse dado que a liña de derivación existente non satisfai os requisitos que se sumaron ao conxunto da instalación, dado que o sistema de rega, a iluminación do campo e os vestiarios son de recente proxección.
O incremento de potencia instalada crea a necesidade de solicitar unha subministración nova á compañía subministradora. Así, pretende que nesta nova subministración aliméntese a instalación de rega e a iluminación propia do campo de fútbol, e así poder independizala do pavillón e da piscina municipal. O campo de fútbol ilumínase con dezaseis lámpadas de halogenuros metálicos distribuídos sobre catro columnas de aceiro. No presente proxecto prevese a colocación dunha nova columna con cinco lámpadas, e unha lámpada engadida a cada unha das columnas que existen actualmente.
As obras que se terán que acometer consisten principalmente en independizar a instalación eléctrica do campo de fútbol, que actualmente se alimenta dun cadro eléctrico situado no pavillón polideportivo. Ao mesmo tempo aproveitarase para reformar o alumeado exterior e aumentar os puntos de luz existentes nas gradas. A última fase do proxecto atinxe á alimentación do sistema de rega que quedará unido ao cadro eléctrico principal da instalación.
O cadro xeral de protección quedará encadrado nun local específico e separado do grupo electróxeno, nunha caseta deseñada para albergar ditas instalacións. Ademais instalarase un grupo electróxeno que garantirá un subministro complementario en caso de que se produza un fallo na rede eléctrica, dando servizo a toda a instalación de alumeado.
Cinco torres con cinco lámpadas
Actualmente o campo de fútbol de Bertamiráns conta con catro torres con catro proxectores de 1.000W de halogenuros metálicos cada un. Cada un dos proxectores acenderase de xeito individual desde o cadro eléctrico xeral. Con esta medida preténdese adecuar a iluminación á actividade que se realiza en cada momento. As liñas de alimentación dos proxectores serán monofásicas e irán protexidas mediante un interruptor automático e cun diferencial. Ademais está previsto incrementar o número de torres existentes na actualidade para mellorar a iluminación do terreo de xogo no seu conxunto.
Deste xeito colocarase un novo punto de iluminación na zona de xogo do campo de fútbol. O soporte seleccionado será unha columna de aceiro similar ás existentes, pero cunha altura algo maior, sendo a altura da nova columna duns 12 metros. A columna será de aceiro con sección troncocónica encartado nunha soa peza. A columna terá un acabado galvanizado e unha porta no nivel inferior para cabreado.
Este proxecto será financiado con cargo ao Plan de iluminación e outros complementos nos campos de fútbol municipais de herba artificial posto en marcha pola Deputación Provincial da Coruña. A través deste plan o organismo provincial achega 52.914,99 euros, mentres que o Concello de Ames porá 17.241,96 euros. O presuposto do proxecto ascende á contía de 70.156,95 euros.




