Pestanas principais

Apróbase por unanimidade o Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames

Venres, 03 de maio de 2019

A Corporación municipal aprobou por unanimidade, no pleno ordinario do mes de abril, o Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames. Dito Plan de estabilización foi elaborado e consensuado entre a representación sindical e o goberno municipal nas múltiples reunións mantidas pola Comisión de estabilización. Está ligado ao Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames, que foi aprobado no Pleno ordinario de xaneiro de 2019, coa finalidade do fomento da estabilidade no emprego público municipal e a consecución dos obxectivos legais de redución da temporalidade. Previamente, o goberno e a representación sindical negociaron a Oferta de Emprego Público 2018, que foi aprobada por maioría na asemblea de traballadores/as e na Mesa Xeral de Negociación.

A Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018 establece no seu artigo 19 que no ano 2020 a temporalidade das administracións públicas non poderá superar o 8% e que ese obxectivo deberá acadarse nos exercicios 2018-2019 e 2020. O incumprimento deste mandato pode impedir ás administracións recibiren axudas económicas do Estado ou contratar novo persoal a partir de 2021.

A taxa de temporalidade entre o persoal do Concello de Ames é actualmente do 67,5%. Co fin de tentar solucionar este grave problema que se ven acumulando desde hai anos, así como evitar as consecuencias previstas na lei, o goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local do pasado 21 de decembro a Oferta de Emprego Público de 2018. Nela recóllense todas aquelas prazas de natureza estrutural que están dotadas orzamentariamente e ocupadas de forma temporal e de xeito ininterrompido, polo menos, nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2017. Dentro desta OEP tamén se recollen aquelas prazas que foron creadas por sentenza xudicial firme, unha praza para cubrir por promoción interna e a praza que se pode crear pola taxa de reposición por xubilacións.

A OEP aprobada o pasado mes de Decembro foi a primeira en 12 anos, xa que a anterior Oferta de Emprego Pública aprobada no Concello de Ames foi no ano 2006. Algúns traballadores e traballadoras levan anos en situación de temporalidade, sen ter a oportunidade de poder presentarse á correspondente oposición, debido a que durante todos estes anos non se convocou ningunha oferta de emprego. O goberno municipal e a representación sindical negociaron esta OEP ao longo de 2018, logo da aprobación dunha praza no ano 2017 e por medio dunha comisión de traballo creada para tal fin. A oferta de emprego foi explicada polos/as delegados/as sindicais aos traballadores/as nunha asemblea, así como en dúas xuntanzas co Goberno municipal. A proposta foi aprobada por maioría e posteriormente, referendouse na Mesa Xeral de Negociación por todos os representantes sindicais, agás un, que emitiu un votou particular en contra.

De xeito parello á OEP, aprobouse un “Acordo para a estabilización do emprego temporal no Concello de Ames”, que ten por obxecto a fixación dos principios e criterios básicos que resultarán aplicables aos procesos de estabilización. O dito Acordo, que foi enviado á autoridade laboral dependente da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia, aprobouse por unanimidade en Mesa Xeral de Negociación.

Plan de estabilización
Asemade, neste 2019 elaborouse un Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, co obxectivo de dotar o desenvolvemento da OEP 2018 da máxima seguridade xurídica, e de recoller as liñas xerais que rexerán na execución da oferta de emprego.

Este plan, que foi aprobado en Mesa Xeral de Negociación o pasado 10 de abril, foi elaborado ao abeiro do previsto no Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames, que foi aprobado no Pleno ordinario de xaneiro de 2019, coa finalidade do fomento da estabilidade no emprego público municipal e a consecución dos obxectivos legais de redución da temporalidade. O presente Plan de estabilización resultará aplicable ao conxunto do emprego público municipal, con independencia de que as prazas que se convoquen, en execución do mesmo, sexan de persoal laboral ou funcionario.

O desenvolvemento dos procesos selectivos de estabilización materializarase a través da respectivas convocatorias e bases específicas reguladoras, que deberán adecuarse aos criterios fixados neste Plan, así como no Acordo para a Estabilización, e cumprir, en todo caso, cos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade; e antes da súa aprobación pola Alcaldía serán obxecto de tratamento e negociación no seo da Comisión Paritaria de seguimento.

Ligazóns

Apróbase por unanimidade o Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames