Pestanas principais

Apróbase por unanimidade iniciar xestións para solicitar a construción dun novo colexio de infantil e primaria no Milladoiro

Venres, 12 de maio de 2017

[12-05-2017] Coa aprobación definitiva do Regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames, en xullo de 2016, facilitouse a convocatoria do primeiro pleno de constitución do Consello Escolar Municipal de Ames, celebrado no IES do Milladoiro este pasado xoves 11 de maio. Nesta primeira convocatoria quedou conformado o Pleno que será o órgano de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario e na planificación dos centros escolares no ámbito municipal de Ames. Nesta primeira xuntanza acordouse iniciar as xestións necesarias para solicitar a construción dun novo colexio de infantil e primaria no Milladoiro.


O Pleno estivo presidido polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e nomeouse como secretario a un funcionario municipal. Como vogais forman parte do Pleno un total de 31 persoas: 6 profesores do ensino público e 4 do colexio ALCA, 6 nais e pais de alumnos/as (ANPAS), 4 alumnos/as de ensino secundario, 10 directores e directoras dos centros escolares de Ames e 1 funcionaria do corpo de inspección educativa da Xunta de Galicia. Tamén participaron no Pleno, con voz pero sen voto, outros membros da comunidade educativa (ANPAS, profesorado) e dos grupos municipais da corporación.

Unha vez constituído o Pleno, nomeouse unha Comisión Permanente, que será a encargada de establecer o calendario de xuntanzas do Consello, que terá dúas xuntanzas anuais. Así como os asuntos da orde do día e a creación de comisións de traballo específicas. Forman parte da Comisión Permanente o presidente e o secretario do Consello, un representante do profesorado, unha representante das ANPAS e un representante do alumnado de Ames.

Deste xeito, o Consello Escolar Municipal agrupa a todos os sectores da comunidade educativa, que inclúe ao Concello de Ames, o profesorado dos centros escolares públicos e concertados, ANPAS, alumnado, direccións dos centros escolares públicos e concertados e a Xunta de Galicia.

Acordos aprobados por unanimidade
Os primeiros acordos, aprobados por unanimidade dos membros do Pleno, consistiron en trasladarlle á Xunta de Galicia dous escritos presentados polas ANPAS e mailo Concello de Ames sobre as necesidades educativas e o informe de diagnóstico demográfico, así como a posta a disposición e cesión de parcelas para a construción de novos equipamentos educativos.

O pleno destacou especialmente a necesidade de dotar ao núcleo urbano do Milladoiro dun novo colexio de infantil e primaria, para acoller a crecente solicitude de prazas neste núcleo derivado do incremento de poboación. Os membros do Consello manifestaron a importancia deste primeiro encontro e de realizar un seguimento das actuacións previstas pola Xunta de Galicia nos centros escolares, así como das xestións urbanísticas necesarias para dispor dos terreos necesarios para a ampliación e dotación de novos equipamentos educativos.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que presidiu o Pleno, destacou o "feito histórico desta primeira xuntanza do Consello Escolar Municipal, que é o máximo órgano consultivo e de participación entre os Consellos Escolares, no que están representados todas as partes da comunidade educativa. A decisión de avanzar na xestión urbanística para reservar e destinar chan a equipamentos educativos é fundamental. Agradecemos a participación e implicación de todos os membros do Pleno con este obxectivo aprobado por unanimidade".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Consello Escolar Municipal de Ames reclama el tercer colegio público para Milladoiro"
El Correo Gallego: "O Consello Escolar de Ames impulsa o novo colexio para Milladoiro"